O Concello de Viveiro presentou na subdelegación do Goberno a solicitude para a declaración de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil para o ámbito da afección das riadas do 18 de novembro, que ocasionaron a morte dunha persoa, Amparo Verdeal Camba, de 83 anos.
Na petición, o goberno local indica que debeu desembolsar 69.513 euros para contratar empresas externas ou maquinaria para facer fronte a tarefas urxentes de limpeza, para preservar a seguridade pública ou garantir o funcionamento dos servizos públicos básicos, uns traballos para os que non abondaba co persoal municipal.
“Estes traballos teñen que ver coa limpeza na zona cero de Xunqueira, coa pala excavadora que contratamos para que liberase o cauce do río de restos, ou coas actuacións para que volvese á normalidade o servizo de augas e alcantarillado”, explica a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro.
O GASTO CORRESPÓNDESE CON TAREFAS DE LIMPEZA OU RESTITUCIÓN DE SERVIZOS QUE FOI PRECISO CONTRATAR
Coa solicitude, o goberno local adxuntou un inventario de bens municipais danados que inclúe medidas a tomar para arranxar os desperfectos e que distingue cinco zonas afectadas.
Unha delas é Xunqueira, na que a riada prexudicou mobiliario, viais, camiños e carreiros; Magazos, onde é preciso repoñer o firme en varios puntos; a parroquia de Viveiro, o lavadoiro de Ponte Labrada, onde será necesario repoñer lousetas, unha limpeza e o pintado; e na parroquia de Covas, co derrubo do muro de peche do antigo colexio.
O goberno local advirte no documento de que “considérase necesaria a realización dun estudo na zona da fachada marítima do casco histórico de Viveiro, no que se tomen medidas alternativas que permitan ampliar e mellorar a rede de evacuación das augas pluviais en caso de emerxencia”.
O Concello tamén incluíu un informe técnico-policial que explica con detalle a xestión da emerxencia. O período de maior intensidade das chuvias foi de 22.00 a 00.30 horas, e desde as dez da noite á unha e media da madrugada a Policía Local recibiu 45 chamadas para informar de incidencias.
O INFORME TÉCNICO-POLICIAL RECOÑECE ATA SETE ZONAS AFECTADAS
O informe especifica os medios utilizados e recoñece varias zonas de afectación: A Carrapota, Xunqueira e área recreativa, o casco urbán de Viveiro, a zona de Campo Urraca e Campo de Verdes, Naín, A Misericordia e Covas.
O documento cuantifica danos nas infraestruturas viarias -rede de estradas e pontes-, nas edificacións públicas, nos espazos urbanizados -como zonas de recreo ou parques-, en inmobles privados, na rede de servizos municipais e en vehículos, cun total de 40 afectados.
Trala presentación da solicitude e dun balance de danos, o Goberno central pode requerir máis documentación para avaliar a petición. “A tramitación non vai ser rápida e veremos se temos que achegar máis material”, explica Loureiro.
AXUDAS CONTEMPLADAS
A declaración de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil contempla a aplicación de axudas directas a persoas, empresas e administracións polos danos materiais e gastos ocasionados pola catástrofe.
A NORMATIVA CONTEMPLA SUBVENCIÓNS DIRECTAS, BENEFICIOS FISCAIS E LIÑAS DE CRÉDITO PARA OS AFECTADOS
A lei tamén permite que se outorguen beneficios fiscais aplicables aos bens, empresas, explotacións e outras actividades afectadas, así como liñas de crédito preferenciais para reparar instalacións, automóbiles ou equipos industriais danados polo sinistro.
TRES FAMILIAS, SEN VOLVER Á CASA
O rebordamento do río Fontecova danou 40 vivendas en Xunqueira. Tres familias seguen, un mes despois, sen poder incorporarse ás súas casas.
A rexedora, non obstante, ten constancia de que algunha familia máis que vive fóra non poderá facelo polo de agora. “Algunhas persoas teñen aquí a súa segunda residencia e seguen arranxando a vivenda”, expón.
A OFICINA ATENDE 60 RECLAMACIÓNS
A oficina habilitada polo Concello de Viveiro para atender aos afectados pechou o prazo cun total de 60 reclamacións pechadas. Pasaron polo consistorio 150 persoas para presentar as súas solicitudes ou informarse dos pasos a dar nestes casos.