IniciosociedadeViveiro pide axuda ás institucións para obras pendentes trala riada, de "máis...

Viveiro pide axuda ás institucións para obras pendentes trala riada, de “máis de 250.000 euros”

O concello solicita achegas a Medio Rural e Deputación e agarda a declaración de zona de emerxencia de protección civil

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, estima que os traballos pendentes na zona afectada polas riadas do pasado 18 de novembro custarán “máis de 250.000 euros”.

A rexedora explicou que se trata dunha “cantidade inasumible” para as arcas municipais e demandou a “colaboración doutras administracións” para a reconstrución das infraestruturas e servizos danados.

Loureiro concretou que o concello se dirixiu á Consellería de Medio Rural solicitando achegas para reparar pistas forestais e tamén á Deputación de Lugo. “Vennos prestando axuda técnica pero, nesta situación extraordinaria, precisamos tamén outros recursos”, dixo.

Loureiro aclarou que, tras os desbordamentos, se realizaron tarefas de limpeza e acondicionamento básicas para recuperar unha “normalidade minima” pero que “aínda queda moito por facer, sobre todo na zona cero, de Xunqueira, e parroquia de Magazos, que quedou desfeita”.

Entre os traballos necesarios inclúese a reconstrución de camiños, do lavadoiro municipal e varias pistas polas que non se pode transitar actualmente.

As primeiras obras de emerxencia supuxeron un gasto de 70.000 euros para as arcas municipais.

VISITA DE AUGAS DE GALICIA

A rexedora valorou “positivamente” a visita da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, que o pasado martes estivo en Viveiro para abordar a situación das zonas afectadas polas riadas de novembro pasado.

Loureiro corroborou a colaboración do organismo autonómico nas primeiras actuacións tras o desbordamento dos ríos Xunqueira, Fontecova e Trasposta. “Paréceme positivo que se achegasen ata aquí a explicar con fotografías e informes o que fixeron e o que queda por facer”, comentou.

A alcaldesa apuntou que o “estudo hidrográfico” comprometido o pasado martes será unha “ferramenta importante” para guiar as tarefas de reconstrución e acondicionamento pendentes.

DECLARACIÓN DE ZONA DE EMERXENCIA

No tocante á declaración de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil, a rexedora comentou que o procedemento está en marcha. “Requiríronnos información que estamos recopilando”, comentou.

“Un dos aspectos que máis nos preocupa é proporcionar axudas aos veciños que non teñen a cobertura de seguros privados”, continuou a alcaldesa quen explicou que a declaración facilitará a tramitación deste tipo de achegas.

Tres familias seguen sen poder volver ás súas casas case dous meses despois das riadas que causaron unha vítima mortal e anegaron 40 vivendas do barrio da Xunqueira.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...