O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este martes as bases reguladoras do proceso de selección para a contratación durante un ano e a tempo completo dun logopeda adscrito á Unidade de Atención Temperá.
As persoas interesadas en participar no concurso para obter a praza teñen dez días hábiles para presentar as súas solicitudes. Informan e anotan no consistorio burelao.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, lembra que o posto quedou vacante no pasado mes de novembro, despois de que rematase o contrato do especialista e o Concello -encargado de formalizar a contratación- non recibise a partida comprometida para o posto pola Xunta de Galicia.
Llano asegura que “imos facer o exame o antes posible para que o traballo poida empezar a realizarse a partir das primeiras semanas de febreiro”.
O rexedor de Burela expón “calculamos que a subvención da Xunta sairá este mes ou para o próximo. E por tanto vamos ir adiantando xa o proceso para que estean atendidos o antes posible os nenos e nenas”, sinala.
BASES
O alcalde burelao animou “a presentarse a todos aqueles profesionais titulados que poidan facelo, porque penso que é unha praza moi interesante”. Podes consultar as bases no seguinte documento: 20190122_ANUNCIO BOP LUGO Nº 018 DE 22_01_2019 (1)
OITO CONCELLOS E MÁIS DE 40 NENOS
Xove, Cervo, Foz, Alfoz, Lourenzá, Ribadeo e Barreiros son os outros concellos beneficiarios da Unidade de Atención Temperá de Burela.
Segundo os datos ofrecidos pola CIG-Saúde no pasado mes de novembro, máis de 40 nenos destes municipios dependen deste servizo.