Toda a frota de Galicia fica amarrada este venres debido á forte ondada e mar de fondo que se rexistra o litoral galego, con alerta vermella desde A Guarda até Estaca de Bares e aviso laranxa entre este cabo e Ribadeo.
Así, desde o porto ribadense ata o peirao da Guarda ningún barco saíu faenar este venres, no que se esperan ondas de ata dez metros de altitude, cun punto crítico ás seis da tarde, segundo as previsións de Puertos del Estado.
Na Mariña Lucense, o prognóstico é de temporal costeiro con vento do oeste, de forza 8 ou 9, e mar combinado do noroeste con ondas de cinco a oito metros.
CIRCULACIÓN
A neve debida ao temporal asociado á borrasca ‘Helena’ dificulta este venres a circulación nalgunhas estradas das provincias de Lugo e Ourense e obrigou a prohibir o paso de camións e autobuses pola A-52 no alto da Canda.
Ademais, na provincia de Lugo algunhas estradas contan tamén con nivel amarelo pola neve, como a LU-633 en Pedrafita do Cebreiro.
Mentres, na autovía A-8 no Alto do Fiouco, entre as localidades lucenses de Mondoñedo e Abadín, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recomenda transitar con precaución por mor da choiva, “bastante vento” e auganeve. Nesa zona a velocidade está limitada a 80 quilómetros por hora.
a dxt pide precaución no fiouco, onde hai “choiva, bastante vento e auganeve”
Noutros puntos da rede viaria galega hai estradas afectadas por inundacións como na provincia de Lugo, onde este xoves se rexistraron diferentes cortes debido ás choivas por un fenómeno meteorolóxico adverso, que provocou desbordamentos puntuais nos ríos Sil, Miño e Begonte. Neste enlace podes comprobar todos os tramos en dificultades.
En concreto rexistráronse cortes en catro estradas da rede viaria provincial de tres concellos. Así, afectaron á Pobra do Brollón na LU-P-4705; a Cospeito, con dúas vías afectadas, a LU-P-1112 e a LU-P-1701 e a Begonte, na LU-P-0802.
CLASES ADIADAS
Por mor desta temporal a Xunta decidiu suspender a actividade lectiva este venres, día 1 de febreiro, nas zonas da montaña lucenses e ourensás afectadas por un fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por espesores de neve superiores a 20 centímetros. En Lugo, quedarán sen aulas 788 estudantes de 14 centros educativos.
INCIDENCIAS
O temporal deixou nas primeiras horas da mañá do venres a caída de árbores e outros obxectos sobre a rede viaria, así como desprendementos de pedras e inundacións.
Por provincias, A Coruña foi a máis afectada con 30 incidentes rexistrados; a de Pontevedra, con 20; Lugo, con 15 incidentes; e finalmente a provincia de Ourense, con sete incidentes.
VENTOS
No tocante ao vento, os refachos alcanzaron na mañá do venres os 141,5 quilómetros por hora en Carnota e os 127,4 en Cedeira.