O Concello de Viveiro presentará no pleno ordinario deste mércores a ordenanza que aspira a regular o tráfico rodado no casco histórico. O regulamento, que susbstituiría á normativa vixente desde 2004, é un documento “moito máis completo, detallado e que contempla varios supostos”, indica a alcaldesa, María Loureiro.
O goberno local agarda que a ordenanza se aprobe por unanimidade, dado que foi elaborada en consenso cos grupos políticos da corporación viveirense e en colaboración coas forzas de seguridade. O executivo municipal tentou aprobala na sesión plenaria do pasado mes de agosto, pero optou por retirar a normativa ante a petición de modificacións por parte da oposición.
O máis significativo da normativa é a restricción do tráfico rodado e a prioridade dos peóns, coa intención de “protexer o casco histórico e tamén a seguridade”, sinala a alcaldesa, a socialista María Loureiro.
De aprobarse, a ordenanza afectará ao perímetro das rúas Travesía da Mariña, Avenida de Galicia, Avenida de Cervantes, Praza Juan Donapetry, Rúa Nicolás Cora Montenegro, Avenida García Dóriga e Praza de Lugo.
Usuarios de garaxes, titulares de comercios, servizos de distribución, mercado semanal, servizos esenciais para a comunidade, obras, reparto de comida ou medicinas, eventos e celebracións son os supostos que inclúe a ordenanza para conceder tarxetas de autorización.
Os donos de establecementos comerciais e empresas de transporte de mercancías terán un horario de carga e descarga de 9.00 a 12.00 horas, en días laborables, cun máximo de 30 minutos. O cómputo de tempo realizarase a través de discos de control.
ENTRADAS E SAÍDAS
No tocante ás entradas e saídas, establécese un acceso prioritario ao casco vello pola rúa Maruja Mallo, e outro excepcional por Irmáns Vilar Ponte, que será a vía principal para saír do centro histórico.
Ademais, tamén se poderá abandonar a zona vella por Maruja Mallo, Margarita Pardo de Cela ou Pastor Díaz, no caso de que os vehículos teñan estas rúas como destino.
SANCIÓNS
Respecto ás sancións por infraccións, mantéñense as multas estipuladas no borrador de agosto, que van dos 100 aos 800 euros en función da gravidade das faltas. As máis graves fan referencia á falsificación de permisos para poder entrar no casco.
PRAZO DE ALEGACIÓNS
De aprobarse a normativa, haberá un prazo de alegacións de 15 días desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Da cantidade e complexidade das reclamacións dependerá a súa posta en funcionamento. O goberno local calcula que podería ser “en verán, ou quizais mesmo en Semana Santa. A nosa intención é, se é posible, levala a pleno en marzo ou abril”, indica Loureiro.