O PSOE de Foz presentou unha moción para instar ao goberno local a que declare a caducidade da licenza urbanística do solar situado fronte á casa da cultura.
O socialistas consideran que hai argumentos para retirar a licenza, concedida “hai máis de dez anos” á Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb). O PSdeG sinala que a obra obxecto de permiso “foi paralizada e está a nome dunha empresa que xa non existe”.
O grupo municipal do PSdeG expón que a licenza permitía a construción de tres plantas de sótanos. “Fixéronse cinco, polo que é claramente ilegal e choca coa normativa urbanística do recentemente aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que, só permite construír ao fondo do solar e dar catro alturas.
O PsdeG focego lembra que a caducidade de licenzas “é un instrumento propio dos concellos, que entra dentro da normalidade administrativa” e que o PXOM “marca zonas dotacionais e verdes que deberan ser preservadas, en aras dun urbanismo sustentable”.
Como exemplo, sinala a intervención do Concello de Cervo respecto do esquelete da Atalaia.
Así, entende que “deixar a licencia sen caducar só serve para resignarse a que se constrúa un edificio de cinco plantas, e para que a Sareb ou banco malo especule no momento da venta do mesmo”.
PROPOSTO PARA ACOLLER O AUDITORIO
O solar foi o lugar proposto para levantar o auditorio municipal polo BNG e Foz Plataforma de Futuro, que rexistrou unha moción para instar ao goberno local a que iniciase trámites para mercar os terreos.
A iniciativa non prosperou ao non contar co apoio nin de PSOE nin de PP, que consideraron que o gasto na compra do terreo podería resultar “inasumible”.
fpf e bng propuxeron ubicar na parcela o auditorio, o que non prosperou, e os socialistas apostan por un aparcadoiro
APARCADOIRO NO CENTRO
“As últimas reformas levadas a cabo na Avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro fixeron que todos os grupos da corporación tomasen conciencia da necesidade de preservar devandito solar”, indican os socialistas, que optan pola construción “dunha bolsa importante de aparcamentos que dea servizo ás rúas sinaladas”, ademais de habilitar “un novo lugar de esparexemento para a veciñanza focega”.
O PSOE local expón que “a maioría da veciñanza de Foz está a favor do uso deste solar”. Así, sostén que “primeiro é preciso retirar a caducidade desta licenza”.
Deste xeito, insta ao goberno local a “utilizar as ferramentas dispoñibles para buscar unha solución satisfactoria aos intereses de todos”.