O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, respondeu no pleno do Parlamento de Galicia ás críticas da oposición pola situación da atención primaria na Mariña Lucense, afirmando que a bisbarra “ten unha asistencia axeitada á demanda que xenera esta poboación”.
Almuíña referiuse ao servizo de pediatría, que nos últimos meses desatou críticas pola non substitución dos especialistas de baixa ou en vacacións, ou pola obriga nalgúns municipios a desprazarse varios quilómetros para que as crianzas sexan atendidas.
Así, o conselleiro tirou de datos a nivel estatal para argumentar que “Galicia é unha das comunidades con maior taxa de cobertura pediátrica, xa que case o 90% das prazas están cubertas por especialistas”.
PEDIATRÍA
No tocante ao caso de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo, que estiveron quince días sen pediatra, o que provocou un movemento social de protesta, o conselleiro asegurou que “se fixo un esforzo para cubrir dita baixa” e insistiu na idea de que “a atención urxente quedou cuberta polos médicos de familia, totalmente capacitados”.
Sobre Foz, onde a pediatra ten redución de xornada, Almuíña asegurou que está circunstancia “non afecta á súa axenda diaria”, o que topa coas críticas da oposición, que asegurou que a profesional está “sobrecargada” ao ter que atender tamén a pícaros do Valadouro e Alfoz.
Neste senso, Almuíña cifrou en 1.117 nenos adscritos neste servizo, fronte ás máis de 1.450 tarxetas sanitarias das que falaron tanto os gobernos locais como a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
O servizo de pediatría tamén foi fonte de protestas en Viveiro. Almuíña expuxo que no centro de saúde viveirense “hai dúas prazas e no último concurso de traslados o titular pediu excedencia. Desde ese momento estase a buscar un profesional para manter de xeito continuado este posto”, afirmou.
Este mesmo mércores, o BNG de Xove denunciaba que non se está a suplir á pediatra, de baixa desde o pasado 20 de febreiro ata o 20 de marzo.
CONTRATACIÓNS
O representante da Xunta de Galicia defendeu que desde a Estrutura Organizativa de Xerencia Integrada (EOXI) de Lugo, A Mariña e Monforte, “programouse un incremento de prazas de médicos de familia nos servizos de Viveiro -en quenda de tarde- e no Punto de Atención Continuada de Burela, prazas vacantes de nova creación para ser cubertas a partir do mes de marzo con dous contratos de longa duración e totalmente estables”.
A Xunta contratou dous fisioterapeutas para o Hospital Público da Mariña, unha cifra considerada insuficiente pola CIG, que denunciou “a situación crítica do servizo, con longas listaxes de agarda” trala fin do concerto cunha clínica privada.
Almuíña non se referiu a esta situación, como tampouco á perda dun médico de familia na Pontenova tras non cubrir o Sergas a xubilación dun dos tres profesionais.
Almuíña indicou que “en concellos como Ribadeo, Barreiros ou Viveiro incrementase o persoal durante o verán” polo aumento da poboación.
AMPLIACIÓN DO HOSPITAL
Finalmente, o conselleiro aludiu a que, “lonxe de reducir servizos ou pechar centros, ampliouse o Hospital Público da Mariña, cun incremento da superficie do centro nun 33% e un investimento de doce millóns de euros”. Unha ampliación que, segundo a oposición, “non se traduciu en novos servizos sanitarios“.