O IES Elisa y Luis Villamil de Vegadeo presentou este luns no auditorio o programa da undécima edición do Foro Comunicación y Escuela, que ofrecerá un total de 41 actividades -ata o 12 de novembro- para alumnado de once centros educativos do occidente de Asturias.
Entre os actos anunciados está a celebración do Consello Reitoral da Universidade de Oviedo na Veiga, o 14 de maio; unha exhibición de medios da Garda Civil para uns 700 escolares que tamén ofrecerá unha charla sobre as saídas laborais que ofrece o corpo; os estudantes poderán coñecer como se controla o tráfico no aeroporto de Asturias.
Os participantes do foro visitarán a Escola Naval Militar de Marín e sairán ao mar nun patrulleiro da Armada.
CONFERENCIAS
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o vicepresidente do Goberno entre 1982 e 1991, Alfonso Guerra; o xuíz de menores Emilio Calatayud; ou Míchel González, ex xogador do Real Madrid e da selección española e ex adestrador de varios equipos da elite española e europea, como Sevilla, Olympiacos ou Olympique de Marsella, ofrecerán relatorios dentro das actividades do foro.
Pasarán polo foro tamén varios especialistas médicos de varios ámbitos, que orientarán ao estudantado sobre hábitos saudables, e dotarase ao centro dun desfibrilador, o que converterá ao IES Elisa e Luis Villamil no primeiro espazo cardioprotexido do occidente de Asturias.
VIAXES
Tamén se realizarán viaxes a Madrid, Ávila, as illas Baleares ou Barcelona, dentro do proxecto ‘Viaxar, fonte de coñecemento‘.

ACTIVIDADES DE BALDE
O coordinador do premiado proxecto educativo, Luis Felipe Fernández, explicou na Cadena Cope que o obxectivo do proxecto é “mellorar a formación e as expectativas do alumnado”, facendo fincapé en acadar “unha igualdade de oportunidades de verdade para o rural”.
Neste senso, sinalou que “todas as actividades serán de balde para o alumnado”, que “non esquecerá algunhas das actividades na súa vida”.