A voceira do grupo provincial do Partido Popular (PP), Elena Candia, asegurou que o seu partido “non paraliza nada”, en alusión ás críticas da Deputación de Lugo e de varios alcaldes -os da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil, do PSOE, e o de Ribadeo, do BNG-, que acusaron á formación conservadora de “usar fondos públicos para frear a apertura das residencias” destes municipios mediante a interposición dun recurso contencioso administrativo contra os concursos de contratación.
Os rexedores e mailo presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, avanzaron nunha rolda de prensa o pasado xoves que a sociedade provincial do chan (Suplusa), presidida polo deputado ex socialista Manuel Martínez e na que o PP conta con maioría no consello de administración, litigou contra as residencias de Pol e A Fonsagrada pedindo medidas cautelares contra os concursos de contratación, e que aprobou tamén presentar contenciosos contra os xeriátricos de Ribadeo e Trabada.
Candia negou responsabilidade algunha sobre unha posible dilatación dos prazos e asegurou que os socialistas “non queren abrir as residencias e teñen que botarlle a culpa a alguén. Seguro que hai responsables, pero non o grupo que represento”, indicou.
A presidenta do PP lucense afirmou que “o que si é unha realidade é que as residencias desde marzo do ano 2018 podían estar abertas con todos os permisos, as obras rematadas, amobladas, con usuarios interesados en apuntarse e o persoal seleccionado, e por razóns que descoñezo, decidiron non abrilas. A partir de aí son doce anos de traballo, máis de 15 millóns de euros investidos e ata agora nin unha soa praza de residencia creada”, resumiu.
A voceira do PP provincial afirmou que en relación ás residencias que tiñan a encomenda con Suplusa para a súa construción e xestión, este proceso “paralizouse por parte do PSOE, no momento en que o persoal está contratado deciden interromper o feito desde 2010. Foron eles os que optan por xudicializar e interpoñer demandas pedindo a disolución de Suplusa”, indicou.
“Detrás de todo isto nin hai un problema xurídico, que evidentemente pode parecelo, senón un problema político entre o PSOE que de maneira recorrente utiliza ou a Deputación primeiro ou a Deputación e Suplusa para darse bofetadas entre os compañeiros”, apuntou.
“VITIMISMO”
No tocante á residencia de Ribadeo, Candia sostivo que a residencia ribadense “nin nunca tivo nada que ver con Suplusa nin está afectado por este asunto. Se nalgún momento aparece o seu nome é porque o acordo foi tramitado na Xunta de Goberno como residencia de Trabada e Ribadeo, pero na propia demanda que interpón Suplusa aclárase que non lle afecta nada disto”, indicou.
Así, afeoulle ao alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, o seu “vitimismo”.
RAMOS: “O PP MINTE E FAI POPULISMO”
O voceiro do goberno provincial, o socialista Álvaro Santos Ramos, acusou a Candia de “mentir e facer populismo“.
“É o que fai Pablo Casado e o que seguen ao pé da letra os seus secuaces, os seus cans mordedores na provincia de Lugo”, expuxo.
“Candia minte outra vez é di que o PP non paraliza nada. Non, directamente claro que non pode. Pero pediulle á xustiza que o fixera, presentando recursos contenciosos nos que reclaman medidas cautelares para paralizar xa as prestacións necesarias para abrir as residencias. Isto é frear a apertura dos centros, e iso fixérono os cinco conselleiros do Partido Popular en Suplusa“, asegurou.