Temor polas residencias de Ribadeo e Trabada tras litigar Suplusa contra as da Fonsagrada e Pol

Deputación e alcaldes acusan ao PP de "usar fondos públicos" para frear a apertura dos xeriátricos; os conservadores cren que se "desvía a atención" sobre a dilatación dos prazos

Rolda de prensa da Deputación e os alcaldes. AXM

A Deputación de Lugo e os alcaldes da Fonsagrada, Pol, Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil denunciaron conxuntamente que o Partido Popular (PP) non quere que abran as residencias” destes municipios.

Tal e como informa LugoXornal, tanto o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, como os gobernos locais -cinco do PSOE e un do BNG– acusan aos conservadores de “empregar fondos públicos para paralizar a apertura dos centros de maiores”, logo de a sociedade provincial do chan (Suplusa), presidida polo ex deputado do PSOE Manuel Martínez e na que o PP ten a maioría absoluta, presentara recursos contenciosos administrativos nos que se reclaman medidas cautelares en contra dos xeriátricos.

o pp conta con maioría no consello de administración de suplusa, que aprobou contenciosos contra as residencias ribadense e trabadense

A Deputación explica que Suplusa presentou recursos pedindo a paralización inmediata das residencias de Pol e A Fonsagrada, e afirma que “chegarán novos contenciosos, posto que o PP xa aprobou presentalos tamén contra a apertura dos centros de maiores de Trabada e Ribadeo“.

Campos asegurou que “mentres a Xustiza non diga o contrario”, a Deputación e mailos Concellos “seguirán a folla de ruta para abrir entre abril e maio as primeiras residencias”.

SELECCIÓN DE USUARIOS

Así, o presidente da Deputación precisou que este mércores arrancaron os procesos de solicitude de prazas das residencias de Trabada e Ribadeo. Segundo expuxo o goberno provincial, a residencia de Trabada conta con dez posibles usuarios, e a de Ribadeo con 16 posibles beneficiarios.

Tanto a residencia trabadense como a ribadense contan coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica contratadas, e co Permiso de Inicio de Actividade (PIA). Segundo avanza a Deputación, a vindeira semana terán lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematarán os de administrativo, persoal público do que se encargará o executivo provincial.

A Deputación avanzou que “se todo trascorre con normalidade”, os centros abrirán entre abril e maio

“Se todo transcorre con normalidade, é dicir, se as intencións do PP fracasan e non se admiten as medidas cautelares, poderiamos abril estes centros catro centros, con 200 prazas de residencia e centro de día, entre abril e maio”, concluíu Campos.

“NON TEÑEN LEXITIMIDADE”

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, lamentou que “mentres que os concelleiros do PP votan unanimemente que si a todos os acordos sobre a residencia, persoas do mesmo partido na Deputación pretenden desmontar todo isto. O centro de maiores ribadense nada tivo que ver con Suplusa. Non teñen lexitimidade“, indica o rexedor, que engade que “parece que lles doe que sacaramos isto adiante sen axuda da Xunta de Galicia“.

A alcaldesa de Trabada sostivo que “os xeriáticos poderían estar abertos sen os paus nas rodas do PP”

Pola súa banda, a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez, criticou que os xeriátricos “xa poderían estar abertos sen os paus nas rodas que pon o PP”.

“Custou moito artellar isto, que fose economicamente sostible para as administracións locais, que temos menos recursos. A Xunta debera apoiar estes proxectos e subvencionar prazas, e o único que fixo o PP foi desprestixiar e sementar dúbidas. Isto a xente ten que sabelo”, concluíu.

O PP: “DESVÍAN A ATENCIÓN”

Pola súa banda, o Partido Popular non se pronunciou respecto dos recursos, pero acusou aos socialistas de levar a cabo “intentos desesperados” para “desviar a atención” sobre uns centros “inaugurados hai catro anos” e que aínda non abriron.

O PP cualificou de “paripé” os procesos de selección de persoal que están a levar a cabo os concellos

Nun comunicado, os conservadores acusan ao goberno provincial e os executivos locais de “repetir a estratexia” das pasadas eleccións, cando inauguraron ditos centros e realizaron un proceso selectivo que “despois gardaron nun caixón”.

“É un paripé para xustificar o seu proxecto fracasado”, criticaron, para denunciar que “unha vez máis” se atopan ante “unha promesa incumprida” que lle “pasará factura” ao grupo de goberno, aseguran.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here