A misa, a procesión marítima e a sesión vermú do 2 de xuño vanse adiantar un cuarto de hora para que os mariñeiros poidan disfrutar das festas patronais de Burela coas súas familias. Así o vén de comunicar a comisión organizadora.
A presidenta da comisión, Toñi Eijo, explicou que a organización recibiu “peticións dos mariñeiros para poder pasar a xornada matinal do domingo coas súas familias. A nosa intención é que todos poidamos desfrutar de cada acto festivo”.
ATRACCIÓN “NUNCA VISTA”
Eijo tamén asegurou que “seguimos a traballar para traer unha atracción espectacular e que nunca estivera en Burela“. A presidenta da comisión das festas patronais de Burela tamén anunciou que se repetirá “un ano máis o autobús con baños, que xa é un sinal de identidade das nosas festas”.
ALFOMBRAS FLORAIS
A comisión avanzou a finais do mes de febreiro que a banda deseñada e os videoxogos centrarán a temática das alfombras florais na edición do 2019. A comisión recibe propostas no comisiondefestasburela@gmail.com, así como textos para a elaboración do libro das festas. O prazo remata o día 15.