As obreiras do xeriátrico de Viveiro concentráronse de novo este xoves contra o calendario de traballo que a empresa Domusvi quere aplicar, un programa que o persoal considera “insoportable” dado que non satisfai o seu dereito ao descanso.
As traballadoras aseguran que o calendario “incumpre o convenio” e que afecta especialmente a enfermeiras, xericultoras e persoal de limpeza, postos nos que hai “escaseza” de persoal.
Segundo expuxo a Confederación Intersindical Galega (CIG), o programa elaborado por Domusvi contemplan situacións con ata un só día de descanso por 15 de traballo, ou oito xornadas laborais continuadas.
O DÍA 30, NOVA PROTESTA
A deste xoves foi a segunda concentración realizada polas traballadoras para denunciar a súa situación e esixir á empresa que reconsidere o plan de traballo. A vindeira protesta será o martes, 30 de abril.