Suárez Barcia súmase ás críticas ao recorte dun operario da ambulancia medicalizada de Foz

O PSOE levou ao pleno provincial a supresión dun dos catro traballadores do servizo

Ambulancia medicalizada / AXM

O PSdeG-PSOE criticou este martes que o PP de Lugo “non quixese debater” a moción de urxencia presentada polos socialistas para anular o novo concurso público de servizos de transporte sanitario terrestre da Xunta de Galicia, que contempla o recorte dun dos catro operarios da ambulancia medicalizada de Foz 

Trátase dun dos dous técnicos de emerxencias que compoñen o persoal do servizo xunto co médico e un enfermeiro.

Nun pleno bronco da Deputación, con insultos entre o deputado non adscrito Manuel Martínez e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez, e no que se notou no ton a proximidade das eleccións municipais, os socialistas presentaron a iniciativa contra “un novo ataque promovido polo PP á provincia. Primeiro foi a supresión das áreas sanitarias e agora os recortes en servizos e en persoal”, afirmou o secretario xeral do PSOE lucense, Álvaro Santos Ramos.

O dirixente socialista afeoulle ao PP “que non apoie que as ambulancias medicalizadas de Foz e Monforte de Lemos teñan o mesmo persoal que as doutras provincias, impoñendo un novo risco aos lucenses”.

“TERÁN QUE EXPLICARLLO Á VECIÑANZA”

Santos Ramos subliñou que “Foz e Monforte de Lemos contarán cun técnico menos que o resto de concellos de toda Galicia porque o Partido Popular suprime un destes profesionais nos pregos do concurso”.

A de Foz, unha das dez ambulancias medicalizadas, será a única de toda Galicia que vexa recortado o seu persoal. “Os deputados do PP terán que explicarlle aos veciños da Mariña Lucense por qué permiten que isto suceda e nin se dignan a debater e explicar a súa postura”, argumenta Santos Ramos, que engade que deste xeito “empeora a calidade asistencial dun servizo fundamental pois atende patoloxías tempodependetes, é dicir, onde a vida dos doentes corre perigo”.

ESCRITO Á XUNTA

Á crítica dos socialistas sumouse o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia (BNG). O rexedor ribadense enviou un escrito urxente á Consellería de Sanidade para que proceda a modificar os termos da licitación do contrato do servizo de transporte sanitario urxente terrestre en Galicia, “e máis en concreto do equipo humano esixido para a ambulancia medicalizada radicada en Foz”.

Suárez Barcia critica que a ambulancia de Ribadeo teña que cubrir en ocasións a quenda de noite dese servizo e que o concello quede sen ese recurso.

QUENDA DE NOITE

Esta ambulancia medicalizada só fai servizos onde a vida das persoas corre perigo, e con este recorte do presuposto non se pode asegurar a calidade. Pero é que ademais a ambulancia de Foz, que estaba a doce horas e non a 24, segue igual, tendo que cubrir as urxencias de noite Ribadeo ou Burela, sempre que estean dispoñibles, e senón Viveiro ou Mondoñedo”, advirte Suárez Barcia.

O rexedor ribadense remarca que “se a ambulancia de Ribadeo se ten que desprazar a outro concello para cubrir servizos doutra área, evidentemente a zona queda temporalmente sen ese recurso e iso é gravísimo. A sanidade de calidade non pode estar permanentemente mercantilizada”, denuncia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here