IniciosociedadePeque Peixe: aprender a nomear en galego os produtos do mar... para...

Peque Peixe: aprender a nomear en galego os produtos do mar… para despois comelos

Da man dos Bolechas, máis de 130 escolares participaron en Burela na presentación do proxecto, que introducirá na cultura pesqueira a nenos de entre tres e 15 anos

Publicada o

- Advertisement -

A lonxa de Burela acolleu na mañá deste xoves a presentación do proxecto ‘Peque Peixe’, na que participaron 132 pícaros de sete e oito anos dos colexios Virxe do Carme de Burela, Fondo Nois (Foz) e Península da Paz de San Cibrao.

A iniciativa, impulsada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa colaboración de Armadores de Burela, S. A. (Absa) e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP Lugo) ten como obxectivo formar aos nenos de 3 a 15 anos na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego.

Na súa visita á lonxa para coñecer o seu funcionamento e as especies que comercializan, os nenos estiveron acompañados polos personaxes televisivos de ‘Os Bolechas‘.

Os Bolechas en Burela. AXM

SEIS UNIDADES DIDÁCTICAS

Para este proxecto desenvolvéronse seis unidades didácticas a cargo da consultora galega especializada en pesca Sinerxia Plus. As publicacións están adaptadas a cada grupo de idades para dar a coñecer aos nenos e nenas aspectos como as profesións mariñeiras, as artes de pesca, a bioloxía do mar ou os tipos de peixes.

Charla do biólogo Javier García Galdo. AXM

O biólogo mariño Javier García Galdo foi o encargado de detallar os obxectivos e contidos dos materiais didácticos incluídos na iniciativa.

Todos os nenos participantes recibiron os materiais didácticos de Peque Peixe, e que poden descargarse de balde neste enlace.

HAMBURGUESA DE XARDA

A xornada rematou cun show cooking a cargo da finalista do programa televisivo ‘Master Chef Junior‘, Ana Oca, que ensinou aos nenos segredos sobre cómo preparar o peixe e por que é bó e necesario incluílo nunha dieta saudable. A xove chef preparou en directo unha hamburguesa de xarda e boliñas crocantes de pescada.

Show cooking de Ana Oca. AXM

CHAMAMENTO A CONSUMIR PEIXE

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; os xefes territoriais das consellerías de Cultura e Turismo, do Mar e de Educación, Universidade e Formación Profesional, María José Gómez, Pablo Fernández Asensio e Mariña Gueimunde, respectivamente; o alcalde, Alfredo Llano; Sergio López, xerente da OPP Lugo; e Miguel Neira, presidente de Absa, participaron na presentación.

García lembroulles aos asistentes “que Galicia é unha terra con moito mar e onde moita xente vive deste, así que a nosa lingua propia conta con nomes ben expresivos e axeitados para denominar os peixes que comemos”.

Por este motivo, fixo un chamamento “a seguir empregándoos e a facelos visibles nos carteis das peixarías, das prazas e dos supermercados, así como a transmitírllelos aos nosos fillos e fillas cando nos sentamos con eles á mesa a compartirmos o tan saudable hábito de comer peixe”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...