Son Viveiro-En Común presentou este venres a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais, que liderará José Manuel García Otero.
Completan a lista Menalia Yáñez Basanta, Lidia Feal Jiménez, Bruno Salgueiro Fanego, Manuel Lago Berdeal, María Alejandra Castro Geada, Mariano Quintela Pérez, Rubén Iglesias Rodríguez, Elena Insua López, Manolo Fernández López, Pablo Novoa Martínez, Uxía Quintela Díaz, Sara Trabada Blanco, Víctor Marcial Miranda Gómez, Marcos Besada Álvarez, María José Basanta Fanego e Orlando Expósito Mariño.
Nela figuran como suplentes Modesto Sánchez Casás, Enriqueta Gutiérrez Martínez e Gilberto Salgueiro Gabeiras.
Segundo afirma a formación, “a listaxe é un grupo formado por persoas moi capaces, procedentes de diferentes sectores (ensino, estudantado, sindicalismo, asociacionismo ou traballadoras por conta propia e por conta allea), con diferentes sensibilidades pero claramente comprometidas para loitar por un Viveiro máis participativo e mellor”.
Son Viveiro tamén destaca “a incorporación de xente nova, con catro persoas que non superan os 25 anos, que estarán ao lado de xente con veteranía e cunha marcada experiencia, formando un colectivo disposto a traballar con honestidade para aportar e lograr melloras para o concello e os seus habitantes”. A formación de esquerda prognostica que será “a gran sorpresa nas eleccións municipais grazas á confianza que lles amosa a veciñanza de Viveiro”.
CAIXEIROS AUTOMÁTICOS
Como “exemplo concreto de compromiso” con Viveiro, Son Viveiro remarca que a formación “conseguiu no actual mandato 27.000 euros anuais para as arcas municipais, que corresponden á taxa anual de 3.000 euros a cada un dos nove caixeiros automáticos instalados nas fachadas que dan á vía pública, ingresos que se estaban perdendo debido á apatía do anterior equipo de goberno”, aseguran.