O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, insistiu este mércores no Parlamento de Galicia en que o recorte dun dos dous postos de Técnico de Emerxencias Sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada da Mariña Lucense, con base en Foz, está “avalado” por “estudos a nivel nacional”, que garanten, asegura, “a eficacia e operatividade” dun servizo con tres profesionais -un TES, un enfermeiro e un médico-. Unha xustificación que rebaten os traballadores, que acusan á Xunta de Galicia de “mentir” sobre a calidade do servizo.
Ao igual que o fixera o 061 Galicia, Almuíña aludiu en que o novo modelo de transporte urxente sanitario terrestre que a Xunta quere impoñer, e que suporá retirarlle a ambulancia medicalizada de Foz unha categoría -e unha dotación de catro profesionais- da que si gozarán zonas como Lugo, Ourense ou Ferrol, “é o mesmo que se vai implementar no Salnés e Monforte”, comarcas nas que o servizo asistencial avanzado (SAV) vén de implantarse sen os medios ao completo, con tres integrantes.
O conselleiro afirmou que a dotación deste tipo de ambulancias “é idéntico ao empregado noutras comunidades como País Vasco, Cataluña, Madrid e Aragón entre outras, e tanto a súa eficacia como a súa operatividade está avalada por estudos a nivel nacional”.
Finalmente, Almuíña lembrou que A Mariña Lucense “conta coas prestacións de cinco ambulancias asistenciais de soporte vital básico, concretamente en Burela, Foz, Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro, e que realizan unha media de catro servizos diarios”.
O PSOE FALA DE “TOTAL ABANDONO” Á MARIÑA
Almuíña respondeu na Cámara autonómica a unha pregunta do PSdeG-PSOE. A deputada burelá Patricia Otero, criticou o “total abandono” da Mariña por parte do Sergas. Otero criticou que o Goberno galego se xustifique coa cobertura sanitaria dos helicópteros do 061, “cando se atopan fora do tempo mínimo da súa base –isocronas- e ademais ofrecen unha “mera presenza testemuñal” porque “só poden voar con boas condicións de visibilidade”.
PRESENZA “TESTEMUÑAL” DOS HELICÓPTEROS
Nesta mesma idea insistiron os técnicos da Mariña Lucense, que expuxeron que “a néboa é algo habitual na Serra do Xistral”. Así, explican que “na colisión múltiple da A-8 en Mondoñedo os helicópteros non puideron trasladar pacientes e tiveron que pernoctar en Abadín”.
Os traballadores reiteran que “o recorte dun TES na Ambulancia Medicalizada da Mariña é unha suma ao recorte de 2011, totalmente inxustificado, da ambulancia asistencial de Foz”, operativa doce horas. Os técnicos aseguran que “o número de servizos continúa á alza e que en moitas ocasións os recursos xa non son suficientes para atender a demanda”.
Os TES da Mariña inciden en que “non é casual que o novo modelo coincida con hospitais comarcais, é algo que se suma no goteo de recortes que aplica a Conselleria de Sanidade á nosa comarca”, e subliñan que a dispersión xeográfica e poboacional doutras comunidades, así como a cantidade de recursos dos que dispoñen, non son comparables á situación da comarca. Así, denuncian que o 061 “minte” cando afirma que “mellora a calidade asistencial mentres recorta persoal”.
CENTRO DE SAÚDE DE FOZ
Por outra banda, Almuíña, preguntado polos socialistas sobre o “estado de abandono” do centro de saúde de Foz, asegurou que “o interior das instalacións presenta un bo estado de conservación, pola calidade e comportamento dos revestimentos, e polas actuacións realizadas desde a súa posta en funcionamento”, e atribuíu o aspecto externo da construción ao envellecemento natural dos materiais debido ás condición climatolóxicas.
O conselleiro sostivo que, polas súas características técnicas, “as fachadas do centro de saúde non precisan mantemento a curto prazo, mentres que a longo prazo require a revisión do selado entre as xuntas. O que si se vai levar a cabo durante este ano son actuacións de limpeza con auga a presión dos elementos de formigón e os tratamentos de protección necesarios nos revestimentos de madeira”, concluíu..
Otero, pola súa banda, criticou que o Goberno galego gaste “máis de medio millón de euros en cartelería de hospitais pero sexa incapaz de facer ningunha labor de limpeza e mantemento no Centro de Saúde de Foz”, en condicións de “insalubridade” pola invasión de “verdíns e mofos” na fachada exterior.