IniciosociedadeO grupo Compay Segundo actuará no Ribadeo Indiano

O grupo Compay Segundo actuará no Ribadeo Indiano

A esta actuación internacional súmanse un ciclo de cine, un certame de pintura rápida solidario e o sorteo dunha viaxe a Cuba

Publicada o

- Advertisement -

O grupo Compay Segundo será o prato forte do Ribadeo Indiano, que se celebrará do venres 12 ao domingo 14 de xullo. A banda caribeña, de xira por Europa, actuará o último día dos festexos no barrio de San Roque, unha das rúas icónicas da pegada da emigración americana na vila.

Dirixido por Salvador Repilado, fillo do célebre Francisco Repilado “Compay Segundo”, o músico finado que levou a música cubana por todo o mundo a raíz do disco ‘Buena Vista Social Club’, o grupo conta con oito músicos.

A organización, que forman o Concello de Ribadeo e Acisa, avanzou parte do programa do evento, que dedica a súa sexta edición a Cuba. A esta actuación internacional, súmanse outras novidades que pretenden que “o Ribadeo Indiano reluza con máis esplendor”.

CICLO DE CINE CUBANO

Nos días previos, do 6 ao 9 de xullo, proxectarase un Ciclo de Cine Cubano, no que poderán verse os filmes ‘Habastation‘, ‘Clandestinos‘, ‘Boccaccerias habanera‘ e ‘Fresas e Chocolate‘.

Ambientados na Habana e producidos polo Instituto Cubano del Arte e Industrias Cinematográficos (Icaic), as proxeccións saúdan o 500 aniversario da fundación da capital cubana e o 60 aniversario da entidade estatal de xestión e promoción da creación audiovisual.

CERTAME DE PINTURA RÁPIDA SOLIDARIO

Outra ds novidades será o primeiro certame de Pintura Rápida do Ribadeo Indiano, cuxa recadación irá destinada ao Hospital Hijas de Galicia, construído no 1917 para apoiar ás mulleres galegas en situación de desamparo. O pasado 20 de xaneiro, o centro hospitalario antillán veuse afectado por un tornado.

O certame terá lugar o sábado, 13 de xullo, nos diversos espazos onde teñen lugar as actividades deste evento, no casco urbán de Ribadeo. As obras premiadas serán subastadas, sendo o seu prezo de saída o valor de premio que reciba cada obra, o resto serán postas a venda. Os ingresos recibidos tanto pola venda como pola subasta doaranse ao Hospital Hijas de Galicia.

SORTEO DUNHA VIAXE

Desde o Concello e desde Acisa subliñan que “outro dos pratos fortes desta edición será o sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, que terá lugar de forma presencial despois da actuación do grupo Compay Segundo. Para participar, as persoas poderán obter as rifas coas súas compras dende o 4 ao 14 de xullo nos máis de 130 establecementos adheridos tanto de hostalería coma de comercio a esta campaña”, expoñen.

Conferencias, actuacións musicais, teatro na rúa, visitas guiadas, visitas a casas indianas, coches clásicos, xincanas, actividades infantís, talleres de baile ou verbenas tradicionais formarán parte da programación.

FESTIVAL DE HABANERAS E MERCADO DE ULTRAMAR

Como nas ultimas edicións, o Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana estará integrado no evento é celebrarase o sábado, 13 de xullo. Tamén volverá o mercadiño de produtos de ultramar. Os interesados en participar xa poden atopar as bases para a inscrición na páxina web do Concello. O prazo remata o 28 de xuño.

EXPOSICIÓN

Ribadeo contará ademais coa exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes‘, que se poderá visitar do 28 de xuño ao 18 de xullo na oficina de turismo. Durante a súa inauguración, que terá lugar o 28 de xuño ás 19.30 horas, farase unha visita guiada pola mesma.

A mostra recolle unha antoloxía de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. Son retratos próximos que narran as circunstancias vitais da xeración das nosas nais e pais e tamén de avós e avoas, que abandonaron a súa terra en procura dun futuro mellor.

ONCE DEDICARÁ UN CUPÓN Á FESTA

Xa por último, a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) dedicará un dos seus cupóns exclusivamente ao Ribadeo Indiano. A súa presentación terá lugar o vindeiro luns, 1 de xullo, 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo. O boleto xa está dispoñible para a súa adquisición nos lugares habituais de compra.

TREN TURÍSTICO

O tren turístico de Ribadeo comeza a nova tempada de verán. Realizará oito viaxes diarias ata o 15 de setembro, percorrendo as rúas máis emblemáticas da vila e o porto ata o Faro da Illa Pancha, desde a oficina de turismo.

Os prezos oscilarán entre os catro e os seis euros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...