A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, solicitou unha reunión coa subdelegada do Goberno central en Lugo, Isabel Rodríguez, para urxir o arranxo da N-634, a estrada que une A Mariña Lucense co coa N-VI polo interior e que serve de desvío a A-8 cando presenta problemas de néboa.
A rexedora popular explica que a vía presenta “problemas de asfaltado e sinalización” e esixe ao Estado a “maxima celeridade” para acometer obras de mellora ante o previsible incremento do tráfico “no verán”.
Candia pide que se retome un proxecto pendente desde abril de 2017. Nesa data, o Ministerio de Fomento autorizara a redacción do estudo dun proxecto de construción valorado en 2,8 millóns de euros para actuacións entre os puntos quilómetricos 583 e 600.
LICITACIÓN DO ESTUDO
O estudo non se licitou ata vinte meses despois, en decembro de 2018, cun orzamento de 15.000 euros.
Segundo se recolle nas bases, os traballos incluirían a substitución da actual capa de microaglomerado, a mellora na sinalización, balizamento e defensas, o acondicionamento e mellora das interseccións, a limpeza e perfilado de cunetas e o pechamento de zonas onde poidan aparecer animais soltos.
A A-8, DE NOVO PECHADA AO TRÁFICO
A A-8, que permaneceu cortada ao tráfico durante máis de 24 horas, desde o mediodía do pasado martes ata o deste mércores, volve estar pechada despois de apenas tres horas aberta á circulación con visibilidade reducida.
A situación pode consultarse no mapa de tráfico da DGT.