IniciosociedadeDenuncian a carencia de tres médicos en Viveiro e atrasos na atención...

Denuncian a carencia de tres médicos en Viveiro e atrasos na atención pediátrica en Foz

Profesionais, veciños, partidos e sindicatos resaltan que as vilas da Mariña multiplican a súa poboación en verán e esixen ao Sergas que "cubra totalmente" as ausencias dos facultativos

Publicada o

- Advertisement -

Co inicio do mes de xullo, cando os primeiros turistas se deixan ver pola Mariña Lucense, a falta de persoal en atención primaria volveu xerar polémica. A carencia de tres médicos no centro de saúde de Viveiro desatou críticas, así como cobertura parcial da pediatra e da facultativa en quenda de tarde en Foz.

En Viveiro, profesionais, veciños e CIG-Saúde A Mariña denunciaron que este mércores quedaron catro médicos de familia dos sete da quenda de mañá ao non cubrir o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ningunha das tres ausencias actuais: “unha delas por exercer un cargo político e outras dúas por vacacións”, explica o sindicato.

É a segunda vez que hai protestas por esta circunstancia na última semana; a anterior foi hai sete días, no inicio do Resurrection Fest máis multitudinario.

“COLAPSO”

Segundo expón un facultativo do centro sanitario, a situación é de “caos” ante a multiplicación da poboación estival nun municipio turístico coma Viveiro. Un dos galenos lembrou cun cartel na porta do seu despacho que os pacientes “teñen dereito a reclamar”.

A CIG-Saúde lembra que as vacacións que por dereito corresponden ao persoal médico do centro de saúde “non se cubren sistematicamente”, o que conleva “un evidente deterioro na atención médica aos pacientes debido á acumulación de traballo que padecen os facultativos, propio e dos compañeiros”.

Dada a afluencia turística do municipio, a situación é de “auténtico colapso”, subliña a central nacionalista.

A ATENCIÓN PRIMARIA, “UN PRIVILEXIO”

A CIG critica a proposta de contrato eventual de continuidade para o persoal médico presentado polo Sergas, “que agora quere facer extensible ao persoal de enfermería. Non é digno nin para os profesionais nin para os pacientes. Non hai nin estabilidade nin posibilidade de conciliar, perpetuando a precariedade”, asegura a central.

Así, o sindicato argumenta que a Xunta de Galicia “quere converter atención primaria nun privilexio” e reclama ao Goberno galego que “cubra todas as ausencias que por vacacións ou outros motivos se produzan no centro sanitario de Viveiro”.

Cartel colgado nun despacho do centro de saúde de Viveiro. AXM

“ATRASO” NAS REVISIÓNS

En Foz, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou carencias en pediatría. Segundo os nacionalistas, o Sergas só cubriu parcialmente a ausencia da especialista, “quedando algunhas xornadas sen servizo, co retraso que isto vai conlevar no tocante ás revisións que se tiveron que aprazar nunha especialidade tan saturada como é pediatría”.

O MÉDICO DE TARDE, CUBERTO PARCIALMENTE

A formación frontista critica tamén que “tras o traslado previsto da médica en quenda de tarde, o posto veuse cubrindo nos últimos 15 días cun reforzo dalgunhas horas con outro facultativo de cupo de tarde”.

O voceiro dos nacionalistas, Xavier Fanego, lembra que o médico na quenda de tarde “había suplir segundo o Sergas o servizo de urxencias que no ano 2011 o Partido Popular (PP) amputou ao centro de saúde de Foz”.

O BNG de Foz lembra que o concello “duplica poboación en xullo e agosto” e esixe ao Sergas que “cubra totalmente todas as ausencias, sexan baixas, permisos ou vacacións do persoal, calquera día do ano”.

AMBULANCIA MEDICALIZADA

No tocante á ambulancia medicalizada, que perderá previsiblemente un dos dous Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES), o Bloque focego resalta que “nun sorprendente e pouco explicable retraso, non temos a resolución do procedemento do servizo de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia”.

O BNG asegura que a apertura dos sobres A e B do concurso foron o 19 e o 25 de xuño, “en días diferentes do previsto”, e remarca que “a día de hoxe non se coñece a resolución da mesa de contratación. Previamente foi imposible atender unha petición parlamentaria do BNG para modificar os criterios de valoración”, lembra Fanego.

Agardarán ao mes de agosto para confirmar o recorte”, prognostica o Bloque.

O SERGAS APELA Á “FALTA” DE SUBSTITUTOS

A través dun comunicado de prensa, o Sergas respondeu que a ausencia da pediatra no centro de saúde focego “foi cuberta todas as veces que foi posible, garantindo a calidade da atención pediátrica”. A Consellería de Sanidade insistiu na “falta de especialistas nas listas de contratación”. 

No que atinxe ao profesional da quenda de tarde en Foz, a Xunta afirma que cubriu esta baixa “ben con substitucións ou ben con prolongación de xornada, sempre que foi posible”. O Goberno galego responsabiliza da situación ao Principado de Asturias, xa que, argumenta, “dito profesional optou a un concurso de traslados, que o Executivo asturiano resolveu en pleno verán, facendo máis difícil atopar substitutos”.

O Sergas remarca que “durante os meses de xullo e agosto, incrementa o número de médicos dos centros de saúde de Foz e Viveiro, pois contrátase un facultativo para a atención de persoas desprazadas“.

No que respecta a Viveiro, atribúe tamén a falta de médicos á carencia de especialistas nas listaxes de contratación e sostén que recorre “a todas as opcións ao noso alcance” para solucionar “un problema xeralizado en toda España“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...