A CIG Saúde A Mariña esixe o reforzo do persoal de enfermería na planta de traumatoloxía do Hospital Público da Mariña.
A central nacionalista sinala que “a unidade presenta unha ocupación de preto de 20 pacientes” que teñen que ser atendidos por só dúas profesionais ao “suprimirse unha enfermeira e unha auxiliar nas quendas de mañá, tarde e noite”.
O sindicato acusa á Dirección de Enfermería de “incumprir o seu compromiso de reforzar o cadro cando a ocupación supera os 15 ingresados” e provocar unha “sobrecarga de traballo” que prexudica a calidade do servizo.
Segundo explican, na planta quedan hospitalizados tamén pacientes de uroloxía con sondas vesicais, que requiren duns coidados específicos, e advirten que esta mestura de persoas con diferentes doenzas “incrementa o risco de infeccións“.
“FRUSTRACIÓN” DAS TRABALLADORAS
A CIG lamenta que a situación está a provocar a “frustración das traballadoras que non son capaces de garantir uns coidados mínimos e dignos, ademais de causar incidentes asistenciais e protestas de familiares por atrasos nos cambios posturais ou noutras actividades básicas”.
Desde a central, que denunciara unha situacion similar na planta de cirurxía, poñen en valor o traballo dos profesionais “nesta situación adversa” e remarcan que “o seu sobreesforzo” mantén o servizo público fronte a “política de aforro do Sergas”.
Así, animan “a todos os usuarios e usuarias a presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente”.
NON DESCARTAN MOBILIZACIÓNS
“Se non hai camas pechadas, cal é o motivo do recorte de persoal nestas plantas de hospitalización durante os meses de xullo e agosto?”, preguntan desde a central nacionalista que advirte que “non permitirá ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación”.
O sindicato non descarta a convocatoria de mobilizacións se a situación se mantén. A Plataforma Sanitaria, da que forman parte xunto a outros colectivos, tamén reforzou este xoves a súa presión sobre a Xunta, calificando a situación da Mariña de “caos”.
ATENCIÓN PRIMARIA
O pasado mércores, profesionais, sindicatos e partidos criticaron a situación da atención primaria, coa a falta de tres médicos no centro de saúde de Viveiro e a cobertura “insuficiente” da pediatra e dun facultativo en quenda de tarde en Foz.
O SERGAS: O PERSOAL AXÚSTASE “ÁS NECESIDADES”
Consultado sobre a situación, o Sergas explicou que “a ocupación e os ingresos descenderon”. “As plantas están coa metade da ocupación e o persoal está axustado ás necesidades“, argumentan.
O PP DEFENDE “A CALIDADE” DO SERVIZO
En defensa da xestión do goberno galego, manifestouse tamén este xoves o parlamentario do Partido Popular, Daniel Vega, que defendeu “a calidade dos servizos que presta o Hospital da Mariña tamén durante a época estival”
O deputado mariñao sostivo que “se atopan inhabilitadas un total de 12 camas por mor das obras de modernización e rehabilitación do edificio antigo onde a Xunta inviste 14 millóns de euros”.
Ademais remarcou que o centro “foi incrementando os seus servizos nos últimos anos” e que “o Sergas presta o servizo de hospitalización a domicilio aos 14 concellos da área sanitaria”.