Xunta de Galicia e Concello de Barreiros polemizaron este mércores pola falta de socorristas no municipio, que está a dificultar a cobertura das praias.
Trala redución da contía da subvención que o Goberno galego achegaba ao municipio para a contratación destes profesionais –o ano pasado, o Executivo autonómico financiou a contratación de 19 socorristas en Barreiros e este ano custeou oito-, o goberno local fixo fincapé nesta circunstancia para explicar que certas praias –Arealonga, Reinante ou Acantilado, e Coto nalgunhas xornadas- non conten co servizo de socorrismo.
COMPETENCIA “MUNICIPAL”
A Xunta elude responsabilidade neste sentido e remarca que a competencia en materia de socorristas “é municipal” cunha “especial relevancia nos municipios costeiros”, polo que, salienta, “é responsabilidade dos gobernos locais organizalo e financialo para poder ofrecelo en condicións óptimas durante a tempada de verán”.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria subliña que concedeu “achegas por importe de 315.600 euros para financiar a contratación de 100 socorristas na provincia de Lugo“, cun “esforzo especial para axudar a cubrir o servizo que prestan nas piscinas os concellos do interior”.
DE 75 A 51 SOCORRISTAS PARA AS PRAIAS LUCENSES
A Xunta expón que “a cifra global de contratos apenas sofre variacións”, pero os grandes prexudicados neste cambio de criterio son os oito concellos costeiros da Mariña Lucense. Así, cando no pasado exercicio o Executivo autonómico financiou 75 vixilantes nos municipios costeiros da Mariña Lucense -outros sete para piscinas-, este ano custeou case a metade -49- para pías.
Entre os municipios da Mariña, non só Barreiros perdeu un número significativo de socorristas subvencionados; tamén ocorreu en Foz, que pasou de recibir axuda para 16 a non percibir para ningún, dado que o anterior goberno local decidiu non solicitar a compensación e cubrir os postos a partir dun plan de emprego.
“EQUILIBRIO TERRITORIAL”
A Xunta argumenta que o programa de colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria “distribúe axudas” para a contratación de socorristas “con criterios de equidade, iguais para todo o territorio“, e inclúe tanto os areais como as piscinas de todos os concellos galegos que as solicitan.
O Goberno autonómico asegura que Barreiros “segue estando entre os concellos da Mariña Lucense máis beneficiados” por este programa de axudas e insta á alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, “a asumir a súa responsabilidade en vez de culpar a outra administración da imposibilidade de prestar con garantías un servizo propio”.
OITO QUILÓMETROS DE PRAIA
Ermida asegurou que na falta de socorristas que padece Barreiros “hai moitos factores”. En primeiro lugar, critica a “redución substancial da subvención da Xunta. É matemática pura”, lamenta a rexedora, que lembra que o municipio ten oito quilómetros de praia para cubrir, con algúns areais que en verán son multitudinarios. Deste xeito, aínda que oito é o máximo estipulado polo Executivo autonómico, considera a cifra “insuficiente”.
Así, recorda que anos atrás, “tendo en conta quendas, facían falta trinta e pico socorristas”, dos que a Xunta custeaba boa parte. A redución da subvención únense as dificultades económicas que atravesa o Concello, que permitiron unicamente a contratación doutros seis profesionais con fondos propios, para un total de 14.
“DÚBIDAS” SOBRE A OBXECTIVIDADE DOS CRITERIOS
“Cunha maior subvención, parte do problema estaría resolto”, sostén Ermida, que fai fincapé en que a escaseza de socorristas se trata “dun problema xenérico” que afecta a varios municipios.
A rexedora barreirense asegura que entende “que os concellos do interior tamén teñen necesidades”, pero dubida da obxectividade dos criterios. “Deberase ter en conta o potencial turístico, o nivel de ocupación ou o uso das praias e das piscinas. Está claro que para zonas turísticas como pode ser A Mariña é unha decisión negativa“, argumenta Ermida, que agrega que “non se pode tratar cun criterio único a todo o mundo”.