IniciosociedadeO Sergas cifra en 38,5 días a espera media para unha operación...

O Sergas cifra en 38,5 días a espera media para unha operación no Hospital da Mariña

A EOXI Cervo-Lugo-Monforte anunciou os datos de actividade e demora no primeiro semestre do ano, cunha agarda de 34 días de promedio por consulta e de 43,7 por proba diagnóstica

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou este venres os resultados no relativo á actividade e demora na atención ao paciente durante o primeiro semestre do ano no Hospital Público da Mariña. Segundo expuxo a Xunta de Galicia a través dun comunicado de prensa, as operacións no centro hospitalario mariñao requeriron dunha espera media de 38,5 días.

Segundo o Sergas, o tempo de espera para unha intervención cirúrxica é “o máis baixo dos últimos anos”, supoñendo “unha redución de dous días” respecto ao mesmo período de 2018. A Xunta presume de que se acadou este resultado malia atoparse o centro hospitalario “nas obras de reforma e ampliación que se están a levar a cabo”.

SEIS DÍAS NOS CASOS “GRAVES”

Nos casos graves, os considerados de prioridade 1, os pacientes foron intervidos nun promedio de seis días. Trátase, asegura o Sergas, “da espera mínima necesaria para a realización das probas pertinentes, o establecemento dunha diagnose e a programación da intervención”.

O 98% dos pacientes do Hospital Público da Mariña son operados “nun prazo de tempo que oscila entre os 0 e 3 meses”, e “o 100% antes de rematar cuarto mes trala indicación da intervención”, expón a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Cervo-Lugo-Monforte.

Nestes seis primeiros meses do ano, os especialistas do centro hospitalario da comarca fixeron 2.980 intervencións, 96 máis que no mesmo período de 2018, nas que pasaron polos quirófanos 2.884 persoas. Deste total, 2.561 operacións estaban programadas -1.684 non requeriron do ingreso do paciente- e o resto, 419, foron urxentes.

CONSULTAS

No tocante ás consultas de especialidades, a finais deste mes de xuño os pacientes da área de referencia do Hospital Público da Mariña agardaban unha media de 34 días para unha primeira cita, cifra que “se mantén estable respecto ao mesmo semestre de 2018”, apunta o Sergas.

Os médicos do centro hospitalario mariñao atenderon nos seis primeiros meses de 2019 58.661 consultas externas, das que 15.674 eran primeiras consultas o resto citas sucesivas ou revisións.

“571 RESONANCIAS MAGNÉTICAS MÁIS” CA NO 2018

No que atinxe a probas diagnósticas, os datos que ofrece o Sergas sinalan un tempo de espera neste primeiro semestre de 43,7 días.

Neste tempo, no Hospital da Mariña realizáronse 23.615 probas de radiodiagnóstico convencional, 3.293 TACs e 8.619 ecografías (346 máis que no mesmo semestre de 2018). A EOXI Cervo-Lugo-Monforte resalta que “un dos incrementos máis salientables foi a realización de probas de resonancia magnética nuclear, pois neste semestre fixéronse 2.238, 571 máis” ca no mesmo período do anterior exercicio.

URXENCIAS

Por outra banda, o servizo de urxencias atendeu un total de 11.386 incidencias -63 ao día- entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2019, das que 16,3% requeriron o ingreso do paciente no centro hospitalario.

A OCUPACIÓN MEDIA, DO 77%

No referente aos ingresos, a xerencia do Hospital Público da Mariña contabilizou 2.800, dos que 941 estaban programados e o resto, 1.859, foron de urxencia. A estadía media de cada paciente no centro hospitalario da bisbarra foi de 6,3 días e a porcentaxe de ocupación do centro foi do 77%.

VÍAS RÁPIDAS DE ESPERA

Por último, no referido ás vías rápidas sen espera, a EOXI sostén que o hospital é “un dos centros hospitalarios galegos con maior número implantadas, cun total de seis, para a detección precoz de cancros de mama, colorrectal, pulmón, próstata, melanoma e otorrinolaringolóxico”.

A xerente executiva do Hospital Público da Mariña, María José Cortés Canay, remarca que os indicadores “son un reflexo do gran traballo dos profesionais que foron capaces de conxugar e manter o nivel de actividade, coa realización dunhas obras de ampliación e reforma que, en moitas ocasións, supoñen molestias para os pacientes e para os propios traballadores, pero que buscan mellorar o hospital”.

AUMENTO DAS DEMORAS A PARTIR DO VERÁN

As cifras do primeiro semestre do ano soen aumentar no segundo treito do ano, coincidindo coa chegada do verán. Así, mentres que nos primeiros seis meses do 2018 o Sergas cifrou a media de agarda por unha intervención nos 40 días e de 34 por consulta, no balance total do exercicio presentado pola EOXI estes valores aumentaron a 44 por operación e a 39 por cita.

VISITA DO CONSELLEIRO AO HOSPITAL

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, visitou este venres as obras de ampliación do hospital. A previsión da Xunta é que os traballos de reforma integral da antiga área de hospitalización estean listos para o mes de setembro, e na que se acometen actualmente as tarefas de adaptación sanitaria e de instalación de equipamento.

PREVÉ QUE A REFORMA ESTEA LISTA “EN SETEMBRO”

As obras de ampliación e reforma “están xa executadas por riba do 90%”, apuntan desde o Sergas. Na actualidade, xa están rematados o novo edificio de hospitalización e o novo espazo de aparcadoiro, ademais do heliporto.

As obras rematarán coa reforma da zona de consultas e diálise, “de acordo cunha planificación de traballos que se foi adaptando para acompasar o ritmo de execución co funcionamento do hospital, e que permitiu ir adiantando entregas parciais das instalación ao uso público”, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...