A Romaxe Viquinga do Vicedo, que se celebrará na praia de San Román deste concello mariñao os días 26 e 27 de xullo, presentouse en Santiago de Compostela nun acto que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Participaron canda eles na presentación, que acolleu o Pazo de San Roque, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e mais Andrea Pousa e Enrique Domínguez, Queiman e Pousa, coordinadores artísticos do evento.
A romaxe, que pregoará o actor e cómico Serxio Pazos e que contará no seu cartel coa actuación Terras de Queimada, do Bruxo Queiman, cumpre a súa cuarta edición. Podes consultar o programa completo da festa aquí.
A MARIÑA, XEODESTINO EN AUXE
Castro asegurou que se trata dunha celebración “que chegou para quedarse” e que nas súas catro edicións “está a demostrar ser un impulso para a oferta turística da Mariña Lucense durante o verán”, un destino que “está a evolucionar moi positivamente nos últimos anos”. De feito, en 2018 foi o segundo xeodestino que máis medrou.
Así, a directora xeral de turismo mostrouse convencida de que a romaxe obterá a declaración de interese turístico galego “na vindeira década”.