IniciosociedadeA actriz Estíbaliz Veiga pregoará a Feira do Bonito, que repartirá arredor...

A actriz Estíbaliz Veiga pregoará a Feira do Bonito, que repartirá arredor de 3.500 quilos do túnido

Con actividades paralelas tan veteranas como Produart, a exaltación gastronómica celebrará do 3 ao 4 de agosto a súa 35 edición, a primeira como festa de Interese Turístico Nacional

Publicada o

- Advertisement -

A actriz de Barreiros Estíbaliz Veiga pregoará a Feira do Bonito de Burela, que repartirá arredor de 3.500 quilos do túnido os días 3 e 4 de agosto. Trátase da trixésimo quinta edición do evento, pero terá un carácter especial ao ser a primeira trala declaración da cita como de Interese Turístico Nacional.

A presidenta da asociación organizadora, Rocío Rivera, precisou que a intérprete barreirense ofrecerá un pregón (sábado, 14.00 horas) no que estará acompañada do actor Serxio Pazos, que xa foi pregoeiro do evento “e que namorou da feira”. O cómico tamén participará na entrega de premios do certame mural Amarte, unha das moitas actividades que rodearán á exaltación gastronómica.

ASADOR MAIOR E COLABORADORA DE HONRA

Antes, ás 13.30 horas, nomearase ao Asador Maior e á Colaboradora de Honra da feira, un premio que distingue cada ano a dous dos colaboradores do evento e que este ano recaeu en Justino Pérez Abraído e María Jesús Pernas Balseiro. Ambos representan a implicación veciñal na Feira, que como dixo Rivera, fortaleceuse co apoio popular tras nacer “coma un bebé, sen saber onde se podía chegar, e como un complemento dunha semana musical e teatral”.

DEGUSTACIÓN

Tralo pregón de Veiga será o momento da degustación do bonito. A ración clásica -á grella, cocido ou en empanada, con pan de bóla do país- custará oito euros, mentres que o salpicón estará a dous euros. Os celíacos tamén terán oportunidade de probar o túnido sen glute. Rivera asegurou que a organización prevé repartir durante toda a tarde “entre 3.200 e 3.500 quilos” do produto estrela da lonxa de Burela.

O domingo, o protagonista será o marmitako (desde as 13.00 horas), cociñado non cocido senón asado, nun prato que a organización puxo a un prezo de cinco euros.

Programa da feira. AXM

PRODUART, CON 21 NOVAS MARCAS

A Feira do Bonito estará un ano máis acompañada de varias e diversas actividades para ampliar a oferta de ocio daqueles que desfruten da fin de semana en Burela. A máis veterana destas iniciativas paralelas é Produart, que cumprirá 19 anos do 2 ao 4 de agosto.

A feira dos produtos artesanais e ecolóxicos reunirá a 52 firmas de todo o Estado, 21 delas novas. “Trátase do 40%”, salientou o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González “Brais”, que mostrou a intención da entidade de converter Produart “nun salón non diría de gourmet, pero si na que os expositores teñan certificados de ecoloxía ou artesanía, que sexan diferentes dos que se soen ver noutras festas e mercados de Galicia”. Brais tamén fixo fincapé en que se apostará “polas empresas da zona”.

Empresas de Produart. AXM

Arte floral, viños, anchoas, coitelos, queixos e por suposto, produtos do mar, estarán ao alcance dos visitantes de Produart. As Encaixeiras mostrarán os seus traballos e ofrecerán un obradoiro de bolillos; tamén haberá un taller de cerámica co estudo Alén das Olas de Marín e outro infantil de manualidades organizado polo centro de educación medioambiental Gaia, do Concello.

DEPORTE E COCHES CLÁSICOS

Ademais de Amarte e de Produart, animarán a Feira do Bonito un torneo de 3×3 de baloncesto, un campionato de fútbol de veteranos e un torneo de xadrez. Son citas xa habituais ás que se engade unha novidade: unha concentración de coches clásicos, o sábado a partir das 11.30 horas na Praza do Concello.

“EXEMPLO DE COOPERACIÓN”

O alcalde, o socialista Alfredo Llano, salientou que a Feira do Bonito é “un exemplo de cooperación” porque “hai moitísimos membros traballando dun xeito coordinado e altruísta”. É, segundo o rexedor, a chave do éxito do encontro, que afronta “unha nova etapa” trala distinción aprobada polo Goberno central.

Ademais de Rivera, Llano e Brais, asistiron á presentación o edil nacionalista Mario Pillado; o patrón maior de Burela, Basilio Otero; e o presidente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), Abelardo Basanta, entre outras autoridades, así como veciños e representantes do tecido asociativo burelao.

A XUNTA DI QUE SE LLE “EXCLUÍU” DA PRESENTACIÓN

A Xunta de Galicia emitiu este martes unha nota de prensa na que se queixou de que non foi convidada á presentación oficial da Feira do Bonito, unha “exclusión” que a Administración autonómica entende como “unha falta de respecto institucional que racha o habitual protocolo que se viña observando nas últimas edicións”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...