O Concello de Barreiros instalou este martes un posto de socorrismo na praia de Arealonga, que se suma ao do areal de Coto. Segundo explicou o alcalde barreirense, o popular Alfonso Fuente Parga, “o punto de atención contará con padiola, un baño e auga quente. Cubrimos así os oito quilómetros de praia do municipio”, explicou.
O rexedor barreirense engadiu que “este ano imos contar cunha ambulancia medicalizada, que é como unha UCI móbil. Estará a disposición do concello de Barreiros durante todo o verán”. O municipio contará tamén cunha nova zodiac.
INVESTIMENTO DE 19.000 EUROS
Segundo afirmou o alcalde en Cope de la Costa, a caseta custará 9.500 euros e a zodiac 7.000, e serán financiados con fondos do Plan Único, mentres que o investimento na ambulancia, con partidas do Concello, ascenderá a 2.500 euros. Barreiros contará ademais con 21 socorristas e dous técnicos sanitarios do 1 de xullo ao 31 de agosto.
CRÍTICAS DO BNG
Fuente Parga referiuse á denuncia do BNG barreirense sobre o estado de abandono de áreas recreativas, baños de praias e parques. “Onte recibiamos críticas porque hai retraso na corta da herba. Non digo que non sexa importante, pero nós cremos que máis importante é prestar un servizo ás persoas cando realmente o necesitan nun momento de urxencia, colocando esta caseta”, argumentou.