O chamamento feito polo Concello de Trabada para ampliar a matrícula do CEIP Celso Currás e manter a súa unidade de infantil o vindeiro curso podería culminar con éxito o vindeiro mércores.
Os servizos sociais reuniranse con dúas familias, residentes en Ferrol e Cambre, que teñen polo menos fillos e fillas entre os tres e os seis anos e que están interesadas en asentarse no municipio, con vivenda gratis e a posibilidade de atopar un traballo.
Sería a segunda familia en mudarse e escolarizar aos seus fillos no colexio trabadense despois de que a semana pasada outra parella con dous nenos en idade infantil, procedente da Coruña, accedese ao ofrecemento do Concello.
“Polo momento só unha poderá instalarse aquí porque só dispoñemos de dúas escolas rurais habilitadas como vivenda”, sinalou a alcaldesa, a socialista Mayra García, que considera a posibilidade de manter esta política no futuro “se obtemos os resultados agardados” e “se contamos cos recursos para facelo”.
“COMPROMISO” DA XUNTA PARA MANTER A AULA
Con dúas matrículas máis en infantil, o CEIP podería manter a aula de infantil que figura como suprimida na orde de modificación das unidades dos centros públicos que recolle este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG).
A rexedora socialista asegurou que ten “o compromiso” da Xunta de Galicia para habilitar de novo a unidade se hai un mínimo de seis alumnas e alumnos en infantil.
MÁIS UNIDADES NO VALADOURO E BURELA
Á espera do que suceda en Trabada, no caso contrario, están o CEIP de Santa María do Valadouro que, segundo recolle a orde da Consellería, o vindeiro curso contará cunha unidade máis en educación infantil, co que pasa a tres (máis as cinco de primaria).
Tamén CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela que sumará unha unidade en primaria para chegar as once neste ciclo (máis as seis de infantil).