EFE. O goberno local de Trabada decidiu cal será a segunda familia que ocupará unha das dúas vivendas ofertadas polo Concello para que parellas con nenos pequenos se instalen no municipio e ao escolarizar os seus fillos eviten o peche dunha aula de infantil do Ceip Celso Currás.
En declaracións a Efe, a alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, informou de que será unha familia que na actualidade vive en Guadalaxara, unha parella con dous xemelgos de catro anos, que serán escolarizados en Infantil, e outra nena de once que tamén estudará no colexio local.
TRES NOVOS ALUMNOS
Para realizar esta selección, a rexedora reuniuse na mañá deste mércores coa directora do centro e a traballadora social, dado que había dúas familias que inicialmente cumprían os “requisitos” esixidos para ocupar esta segunda vivenda, equipada polo Concello de Trabada.
Con esta familia, precisou, chegarase aos seis alumnos de infantil matriculados no colexio local, de xeito que a Consellería de Educación tería que volver habilitar a aula que suprimiu por falta de nenos.
CINCO VIVENDAS SEN EQUIPAR
Con respecto á outra familia que tamén cumpre os requisitos e que se quedou fóra na selección, a rexedora lembrou que o Concello de Trabada ten á súa disposición outras cinco vivendas, aínda que neste caso están “aínda sen equipar”.
A OUTRA FAMILIA, DE SENEGAL
No tocante á primeira familia seleccionada, que ocupará unha das dúas casas dispoñibles, García Bermúdez precisou que se trata dunha parella de Senegal, con residencia desde hai anos na Coruña, que se mudará a Trabada cos seus tres fillos.