IniciosociedadeVivendas gratis por matrículas escolares en Trabada: "é triste que a xunta...

Vivendas gratis por matrículas escolares en Trabada: “é triste que a xunta faga números con isto”

O Concello atopou "unha solución a un problema difícil de solucionar", di a veciñanza trabadense, preocupada pola falta de crianzas que a Xunta esgrimiu para pechar unha aula de infantil

Publicada o

- Advertisement -

Sabela Uría/EFE. No pequeno municipio de Trabada, con 1.121 habitantes e do que se di que o tempo pasa sen présa, puxéronse este mes de xullo as pilas por salvar unha unidade de educación infantil. Como? Con vivenda gratuíta e oferta de emprego para as familias que teñen dous ou máis fillos de tres a seis anos.

O chamamento tivo unha ampla contestación, pois foron varias as candidaturas. Con todo, o goberno local, no que está á fronte a socialista Mayra García, xa decidiu cales son os elixidos.

Os primeiros que ocuparán unha das dúas casas actualmente dispoñibles son un matrimonio de Senegal, con residencia desde hai anos na Coruña, e que se mudará con tres fillos. Os últimos seleccionados son de Guadalaxara, unha parella con dous xemelgos de catro anos e outra nena de once que tamén irá ao colexio local.

Deste xeito, cumprirase o mínimo de matriculados, de xeito que a Consellería de Educación tería que volver habilitar a aula que, como outras, foi suprimida por falta de nenos, explicou a Efe a rexedora.

Con respecto a unha terceira familia que tamén cumpría os requisitos e que se quedou fóra, a rexedora lembrou que o Concello de Trabada ten á súa disposición outras cinco vivendas, aínda que neste caso están aínda sen equipar.

“COMPROMISO” DE MANTER PROFESORADO E SERVIZO

A unidade de infantil do Ceip Celso Currás no Concello de Trabada atópase neste momento suprimida por non chegar ao número mínimo de alumnos, pero coa iniciativa de ofrecer unha vivenda de balde ás familias que teñan alomenos dous fillos comprendidos entre os tres e os seis anos chegarán en breve novos habitantes ao municipio.

García confía no “compromiso da Xunta de habilitar esa unidade” e que poida continuar co mesmo profesorado e servizo. Sobre o caso de Guadalaxara, a primeira edila dixo que “ao ser familia numerosa decantámonos por eles de xeito unánime”.

En todo caso, a alcaldesa lamentou que a Xunta “faga números con isto” e que se resolva o problema baseándose na aritmética.

A ANTIGA ESCOLA ACOLLERÁ AOS NOVOS ALUMNOS

As vivendas habilitadas pertencen ao Concello e unha delas atópase enriba dun albergue de peregrinos na parroquia de San Xiao de Sante.

A antiga escola que antigamente acolleu 30 alumnos volverá abrir as súas portas a semana que vén para acoller aos peregrinos do Camiño norte e, en setembro, se todo avanza segundo o previsto, aos novos escolares do Celso Currás.

CENTRO “FAMILIAR”

Os veciños móstranse, ao unísono, tal e como contaron varios a Efe, preocupados pola falta de nenos no pobo, pero consideran positivo que a alcaldesa “non caese no derrotismo” e buscase “solucións a un problema difícil de solucionar”.

Da mesma forma destacan na súa totalidade a calidade educativa desta escola plurilingüe e a ausencia de conflitos por tratarse dun centro tan familiar no que a profesora Pilar, á que tutean, “é como unha segunda nai para os nenos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...