A Xunta de Galicia e o Concello de Trabada polemizaron a raíz dunha visita, este xoves, do delegado territorial do Goberno autonómico, o popular José Manuel Balseiro, á antiga vivenda dos mestres na parroquia de Sante, unha das ofertadas polo executivo local para acoller a familias que escolarizasen os seus fillos no Ceip Celso Currás e evitar así a supresión dunha unidade de infantil no colexio.
Balseiro subliñou que “o apoio” da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en colaboración co executivo local, “permitiu a recuperación desta casa”, ocupada antigamente polos mestres que daban clase nesa parroquia do municipio.
SUBVENCIÓN DE 26.314 EUROS
En concreto, precisou que o proxecto de recuperación da vivenda beneficiouse dunha axuda “superior aos 26.300 euros, que cubriu o 90% do presuposto total protexido“.
A rehabilitación integral do inmoble incluíu traballos de albanelería, electricidade, fontanería e saneamento, así como a instalación da calefacción, a carpintería interior e a colocación de sanitarios e outros accesorios.
Balseiro destacou o “bo resultado” dunha obra que ofrece “unha segunda vida a inmobles que se atopaban en desuso ou directamente en situación de abandono“.
“ESFORZO” DO GOBERNO LOCAL
A alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, lembrou que a subvención total solicitada foi de 47.471 euros, dos que a Xunta “descontou boa parte e finalmente subvencionou unha achega de 26.314 euros, polos 21.156 que investiu o Concello”.
A rexedora sinala que a Xunta achegou “o 55% do proxecto e o Concello un 45%, sen ter en conta o equipamento, que non estaba incluído”. García resalta “o esforzo” que fai o executivo municipal “por manter o seu patrimonio e dotarse de recursos”.
Así, a alcaldesa argumenta que “non se poden comparar os orzamentos da Xunta e do Concello” e solicita colaboración ao Executivo autonómico para equipar as escolas rurais que o Concello ten rehabilitadas, “e así poder continuar co proxecto iniciado”.
DÚAS NOVAS FAMILIAS
García informou o pasado mércores de que o Concello xa seleccionou ás dúas familias que ocuparán as casas ofertadas para acadar que se escolaricen máis nenos no colexio e salvar así a aula de infantil do centro.
A primeira familia seleccionada trátase dunha parella de Senegal, que se mudará da Coruña a Trabada con tres fillos; a segunda procede de Guadalaxara, unha parella con dous xemelgos de catro anos, que serán escolarizados en infantil, e outra nena de once que tamén irá ao colexio local.