Como aperitivo de luxo para a trixésimo quinta edición da Feira do Bonito, Produart abriu as súas portas este venres cunha ampla variedade de produtos artesáns e ecolóxicos.
Coa asistencia de varias autoridades, a directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez Moreda, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, inaguraron unha nova edición da feira, que cumpre 19 anos cun total de 53 marcas na nave de redes ubicada no peirao burelao.
PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA
A cerámica de todo un Premio Nacional de Artesanía, como Otero Regal, as obras da asociación As Encaixeiras, pezas artísticas elaboradas con materiais reciclados (Reciclando), bisutería, produtos de hixiene, xoiería, floristería ou coitelos están ao alcance da man en Produart, onde, con todo, manda a gastronomía.
Queixos, embutidos, conservas, viños, xeados, pan, licores, chocolates e bombóns, marmeladas, castañas, galletas, aceites, doces, pimentón e mesmo peixe conxelado, da local Frigomar, completan unha variada oferta culinaria, marcada por un obxectivo común, “a calidade” que buscan os artesáns.
78 ANOS DE TRADICIÓN
En Produart atópanse negocios de tradición familiar cunha lonxevidade de 78 anos, como Chocolates Moreno, de Ribadeo. María José Ríos segue a traxectoria iniciada polo seu pai cunha aposta pola modernidade. “Fabricamos os chocolates da mesma maneira que se facía cando empezamos, pero ampliamos a oferta bombóns. Facemos uns de alga nori, que ten un sabor suave, buscando mesturar o doce e o salgado”, explica.
Que significa para Ríos seguir a tradición familiar? “Para min é unha satifacción, porque hai fillos e netos de clientes de meu pai que nos seguen a mercar ou a facer un oco nas súas tendas”, expón.
“FACEMOS O BONITO COMA NA CASA”
Dos 78 anos que cumpre Chocolates Moreno aos sete que leva Currimar, especializada en conservas tradicionais de peixe, a intención é a mesma. “Cocemos os bonitos en pota, como se fixo toda a vida”, salienta Nieves Medina, desta empresa protagonizada exclusivamente por mulleres. “Buscamos madurar o peixe un mínimo de seis meses, porque os lombos son compactos e necesitan que se filtre o aceite”, expón, para agregar que a oferta inclúe “un escabeche caseiro, polbo ou ostras da ría do Barqueiro, que sacamos adiante grazas a un proxecto común coas mariscadoras”.
MOSTRA DE FILETEADO DE ANCHOAS
El Caballito, marca que procede de Cantabria, é especialista en mostrar o fileteado da anchoa. En Produart ten un stand no que os artesáns mostran o último paso á hora de realizar a conserva.
Itziar Larrinaga revela todo o proceso: “pescamos o bocarte en fresco na costeira da primavera, a mellor época, entre marzo e xuño; descabezámolo e metémolo en sal durante un ano en bodega; logo sobámolo a man cunha rede, quitámoslle a sal, secámolo e o que traemos aquí é o derradeiro paso, partilo pola metade e quitarlle a espiña, para que a xente vexa como é”.
APOSTA POLA CALIDADE
Ángela Donato, de El Viejo Pescador (Tapia de Casariego), explica que a súa empresa conserveira trae a Burela “polbo do Cantábrico certificado, preparado para consumir, coas patas cortadas e listas para aliñar e comer”. Tamén bonito “en escabeche, cunha salsa que tardamos un día enteiro en facer. Quédanos máis denso e cun regusto picante ao final”, precisa.
Donato cre que “son bos tempos” para a gastronomía artesá. “Temos moitos clientes particulares e tamén encargos de hostalería”, indica, para resaltar que hai unha concienciación por parte da sociedade da necesidade de apostar polos produtos ecolóxicos.
“Pódese comer ben, san e de xeito sustentable”, remarca o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González “Brais”, que sinala que Produart quixo este ano facer dúas apostas fundamentais. “En primeiro lugar polos produtos da nosa zona, e tamén pola calidade, coa intención non de facer un salón do gourmet, pero si de diferenciar o que podemos atopar aquí do que se pode encontrar en outras festas e mercados”, resume.
ACTIVIDADES PARALELAS
A oferta de Produart completouse na primeira xornada coa exposición ‘Biodiversidade mariña da Costa de Lugo‘, con imaxes do biólogo Carlos Gil Fernández, e cunha conferencia a cargo de Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio, sobre o patrimonio arqueóloxico do litoral mariñao.
Este sábado haberá unha demostración de encaixe de bolillos, un obradoiro de cerámica e un taller infantil de manualidades.
Produart manterá durante tres días, ata as 21.30 horas do domingo, un festín de sabores e de olores, aínda que -Brais así o confirma-, desde mañá o gran protagonista na vila burelá será o bonito do norte.