O consistorio de Ribadeo acolleu o pasado martes dous plenos extraordinarios, un deles convocado a instancias do Partido Popular (PP) para que o goberno local aclarase a situación da residencia.
O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegura que o executivo local e a Deputación están a corrixir as “incidencias” que se poden producir “coa apertura dun centro novo” e acusa ao voceiro dos conservadores, Daniel Vega, de ser un “pirómano” que “sobreactúa” para “botar terra” sobre un servizo “para o que a Xunta de Galicia non deu un can”.
O rexedor sostén que “fomos e seremos sensibles ao que poida pasar alí, porque se de algo somos culpables e de poñer a andar esta residencia”.
COMISIÓN INFORMATIVA
Neste senso, Suárez Barcia remarca que “hai xa uns días convocamos a todos os grupos da corporación a unha comisión informativa, á que viñeron os responsables do funcionamento do xeriátrico para darlles cumprida información. Estivo a directora do centro, persoal laboral da Deputación; a funcionaria responsable do contrato entre a Deputación e a empresa que executa os servizos, Clece; e o asistente social municipal”, indica.
“CUMPRIUSE A NORMATIVA”
Segundo indica o rexedor, no encontro “respondéronse todas as dúbidas” e “quedou aclarado que sempre se cumpriu a ratio de usuario/persoal; que nos traslados de usuarios ás consultas médicas cumpriuse a normativa establecida nos pregos de prescricións técnicas; que o persoal que renunciou ou non pasou as probas foi substituído por outro coa titulación requerida e mesmo horario laboral”, precisa.
COCIÑA
Suárez Barcia admite que “durante 15 días non se puido utilizar a cociña da residencia municipal”, polo que se contratou un servizo de cátering. “Desde hai semanas o servizo funciona integramente”, expuxo.
DI QUE VEGA “QUEDOU EN RIDÍCULO”
“A apertura dun centro novo, con novos usuarios e traballadores, supón un desafío e poden ocorrer incidencias, aquí e na China Popular”, agumenta o rexedor, que sostén que “todas elas” están “sendo corrixidas con esmero” pola Deputación e o Concello.
Suárez Barcia mostrouse crítico co voceiro do PP, xa que malia que “toda esta explicación foi dada polos técnicos e os voceiros das forzas políticas quedaron conformes, segundo a mesma acta do encontro”, a mencionada reunión “serviu de pouco a Vega, que non podía permitir que a realidade lle estropease un bonito titular”.
O rexedor acusa ao líder do PP ribadense de “alarmar” e de “descoñecer” a realidade do centro e o seu funcionamento. “Quedou en ridículo ao non saber que o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) o dá a Xunta e non o Concello. Ese é o nivel de debate”, conclúe.
ACTUALMENTE, 26 USUARIOS
Suárez Barcia precisa que o servizo presta atención a 26 usuarios “e irán entrando 18 máis paseniñamente”.
O PP: “ABRIUSE O XERIÁTRICO SEN A CERTIFICACIÓN DO GAS”
Vega, pola súa banda, lembra que “no momento de abrir as súas portas, a residencia non contaba co servizo de gas porque a instalación carecía daquela da necesaria certificación“ e considera que “é obriga do alcalde render contas aos veciños e veciñas sobre a residencia que é de titularidade pública”.
O grupo municipal do PP atribúe ao alcalde falta de transparencia, dado que, lamenta, antes de solicitar a convocatoria do pleno extraordinario, “xa pediramos documentación e logo a convocatoria dunha reunión da xunta de portavoces que non contou co apoio dos outros grupos e a Suárez Barcia non lle interesou convocar”.
EN MAREA SÚMASE ÁS CRÍTICAS DO PP
En Marea, partido sen representación na corporación, asegurou a través dun comunicado de prensa que no pleno “quedou perfectamente claro que os responsables da apertura do centro sabían que o gas non estaba conectado e as cociñas non ían funcionar. Non quedou claro por que se tomou esa decisión e quen a tomou”.
O partido instrumental fai fincapé en que “se incumpriu a normativa 4.32 das bases de adxudicación que esixe que os alimentos se elaboren nas cociñas do centro diariamente con alimentos frescos”.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO E FESTIVOS
No outro pleno aprobouse unha modificación de crédito para melloras na casa da cultura e nos camiños rurais de Covelas e da Devesa, e os festivos municipais.