A negativa da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autonómos (Acisa) de Ribadeo a colaborar economicamente coas festas de San Roque e das patronais de Santa María do Campo desatou a polémica na vila ribadense.
Nunha entrevista na Cadena Cope, o presidente da comisión organizadora dos festexos, Juan José Otero, lamentou que malia que o colectivo de comerciantes colaborou noutras edicións e “deu a súa palabra” de facer unha achega á vindeira edición das celebracións, finalmente “a última hora decidiu non facelo” porque “algúns comerciantes protestaron porque os postos que veñen para as festas lles facían competencia na venta dos seus artigos”.
Trátase dun revés económico para a comisión, pois a entidade colaboradora é o meirande colaborador dos festexos.
“DEFENDEMOS O COMERCIO LOCAL”
A Acisa emitiu un comunicado no que reiterou que renuncia a facer achegas ás festas como entidade -algúns dos seus socios están a facelo a título persoal- ao entender que o Mercado Pirata que se instala no parque de San Francisco, do 16 ao 22 de agosto, supón “competencia desleal” para “o 75% dos asociados“.
O colectivo de empresarios sinala que esta decisión “foi tomada por unanimidade” e “sometida de novo a consulta o pasado mes de xullo e ratificada pola xunta directiva”. A agrupación considera que ten “a obriga de defender os intereses dos socios e que foron moitas as queixas porque se permita poñer, nos mellores días do ano, un mercado deste tipo. Trátase de ter coherencia cos nosos obxectivos de defensa do comercio local“, conclúe.