Dentro da campaña iniciada no Resurrection Fest do 2018, o Concello de Viveiro, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, organizará unha campaña a prol da igualdade na romaría do Naseiro, onde ubicará un punto lila contra a violencia de xénero.
‘De Igual a Igual‘ é o título da campaña, que pretende involucrar a todos os asistentes en favor dunha convivencia sen actitudes sexistas. A concellería de igualdade elaborou cartelería que disporá con lonas á entrada do campo da festa, nos autobuses que levan e traen aos romeiros ou nos taxis, así como nos bares ambulantes -os populares “botiquíns“- que acudan ao evento. O persoal destes negocios tamén terá camisolas á súa disposición.
Toda esta cartelería será reutilizable, a fin de que os soportes do eslogan se poidan utilizar dun ano para outro. “Quixemos facer a campaña en positivo, sen centrarnos esta vez nos agresores, senón en toda a poboación, para que comprenda que todas as persoas, tamén as mulleres, teñen dereito a sentirse seguras nas festas”, indica a edil de igualdade, Lara Fernández-Noriega.
A concelleira valorou que tanto a organización do Resurrection como a comisión do Naseiro se involucren con este tipo de iniciativas, porque “é un problema de todos” e son necesarios “os lazos entre as institucións e o resto da sociedade“.
No tocante ao punto lila, expertas na prevención da violencia machista e tamén en que facer para afrontala -unha avogada e unha traballadora social estarán sempre como mínimo no posto- ofrecerán “asesoramento e protección” para que todas as mulleres que asistan á romaxe “se atopen cómodas”, expón a alcaldesa, María Loureiro. Ocuparase do servizo a asociación feminista Femforte, de ámbito provincial.
CONTRA A SUBMISIÓN QUÍMICA
O posto violeta, que se situará á entrada do campo da festa, estará activo polas noites, de 20.00 a 4.00 horas. “Entendemos que é o mellor intre dados os casos de submisión química que ocorreron noutros lugares e porque a xente bebe máis a esas horas. O feito de que haxa acampada tamén engade complexidade a esta cuestión”, explica Fernández-Noriega.
A concelleira sinala que “tendemos a pensar que as actitudes violentas só pasan de portas para dentro, pero as agresións nestes eventos pásanse por alto. Así facemos deles lugares menos seguros. Máis en festas multitudinarias como Naseiro, porque pensamos que a máis xente, máis posibilidades de que poida investigación tras unha denuncia por un suposto delito de acoso no festival.
A ACAMPADA, AFASTADA DO RÍO
Tamén se ubicarán paneis informativos co novo trazado do campamento, que Augas de Galicia requeriu afastar do río. Neste senso, o presidente da comisión de festas, Adrián Casas, asegura que os romeiros “están cumprindo co que lles pedimos” e que por agora “todo vai ben”.
Na zona de curso preferente do río, desde a estrada ata o caudal do Landro, non se permite a acampada, polo que a organización debeu habilitar un novo terreo de asentamento. Malia que si se poden ubicar mesas, Casas sinala que “a xente non quere poñerse nesa zona de non poder acampar. A día de hoxe, aí non temos a ninguén”, expón.
A organización fixo un chamamento ao “civismo” para que as familias e grupos de amigos que celebran o Naseiro recollan o material utilizado. “Pedimos á xente que recollan vasos, botellas e bolsas de plástico do campo da festa”, sinala Casas, que lembra que é habitual que ao remate da festa queden nos terreos e tamén na estrada lonas utilizadas para pechar as parcelas, así como mobles -sofás, mesas-.
DESCENSO DO LANDRO
No tocante á sanción de 6.010 euros que a Consellería de Medio Ambiente impuxo á comisión de festas pola celebración do descenso do Landro, no que centos de romeiros baixan o cauce do río disfrazados e en todo tipo de embarcacións improvisadas, Casas indica que presentou as alegacións correspondentes.
O Concello de Viveiro solicitou á Xunta de Galicia permiso para que se poida celebrar de novo esta popular parte dos festexos, prohibida, segundo o Goberno autonómico, “pola aplicación da normativa europea vixente ao tratarse dun espazo natural que forma parte da Rede Natura 2000“.
O goberno local cre que recibe un trato discriminatorio por parte da Xunta. Loureiro precisa que por agora “non recibimos resposta” do Goberno galego e sinala que está a compilar “información e fotografías doutros eventos similares ao descenso do Landro” para enviar un dossier no que se inste ao Executivo autonómico a explicar “por que noutros sitios si se pode facer e en Viveiro non“, indica a alcaldesa.
A ROMAXE ARRINCA O VENRES, CO DÍA DO POLBO
Polo demais, está todo practicamente listo para celebrar a romaxe, que comezará o venres co tradicional Día do Polbo, que se cociñará e degustará tanto nos restaurantes ambulantes como nas propias casetas.