O Concello de Mondoñedo anunciou que a Xunta de Galicia vén de licitar por valor de máis de 94.000 euros as obras de rehabilitación da antiga Casa do Conserxe no IES San Rosendo.
Deste xeito, sinala o goberno municipal, cúmprese o acordo entre o executivo local e a Consellería de Educación, Universidade e Formación para que este departamento financiase a mencionada actuación.
As obras permitirán a posta en marcha de tres novas aulas e unha polivalente, o que pon de relevo, segundo destaca a rexedora, a popular Elena Candia, a aposta “continua e decidida” do Concello polo IES San Rosendo e pola Formación Profesional (FP) dual.
O obxectivo é “poñer en valor este edificio emblemático co fin de ampliar e dotar ao IES de máis modalidades formativas, e crear con elo novas oportunidades no eido da FP dual”, precisa Candia.
RAMA DA AGRARIA
O IES Plurilingüe San Rosendo é un centro de referencia no que atinxe á implantación da FP dual no rural, con ensinanzas da familia profesional de Agraria.
Así, este mesmo ano desenvolveuse no centro a segunda edición do ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural. O centro imparte, ademais, a FP básica en Agroxardinaría e composicións florais e o de grao medio en Xardinaría e floraría.