O Partido Popular (PP) de Lugo enviou un comunicado de prensa no que pide á oposición “que non desvirtúen nin resten valor” ao “maior esforzo en investimento feito” por un Goberno autonómico “en décadas” na mellora dos centros educativos da provincia. O PP lucense responde así ás críticas de familias, sindicatos e forzas políticas ante a situación de colexios coma o de Cervo, onde os pais non levarán os nenos á escola ata o vindeiro luns pola falta de “seguridade e hixiene” das instalacións, en proceso de reforma.
Os conservadores lucenses aseguran que a Xunta de Galicia está a renovar integramente sete colexios cunha achega que supera os seis millóns de euros, aos que engaden a construción do novo colexio Sagrado Corazón en Lugo -4,3 millóns- e as “obras menores” executadas en 90 centros educativos máis, “que elevan o investimento no conxunto da provincia por riba dos doce millóns de euros“.
O PP lucense argumenta que “dada a gran envergadura e o volume de obra” é “perfectamente lóxico que algunhas actuacións requiran máis tempo”, pero di estar “seguro” de que “unha vez finalizadas todas as remodelacións, suporán un gran salto de calidade nestes centros, do que se beneficiarán directamente ás comunidades escolares”.
NEGAN FALTA DE SEGURIDADE E FALAN DE “INCOMODIDADES”
Os populares aseguran “ser conscientes” de que toda reforma integral “pode causar incomodidades“, pero insisten en que “todas as actuacións foron programadas e planificadas para que sexan mínimas as molestias” e insisten en que os traballos naqueles centros educativos onde hai actuacións pendentes “están a levarse a cabo en condicións de seguridade“.
Nese senso, os conservadores “fan un chamamento” ás comunidades educativas dos centros “nos que se teñen rexistrado protestas”, como o de Cervo ou o nº 1 de Foz, onde o segundo edificio non se poderá utilizar alomenos ata luns e asistiron a clase 48 nenos de arredor de 180, para que teñan “tranquilidade e confianza” dado que as empresas construtoras, os equipos directivos dos centros e a unidade técnica da Xunta “están vixiantes e supervisan que as instalacións sexan seguras”.
O Partido Popular lucense fai fincapé en que outras obras de reforma integral “chegaron incluso a desenvolverse en pleno curso escolar”, como ocorreu “no colexio Rosalía de Castro da cidade de Lugo, onde os traballos tiveron lugar entre setembro e xaneiro”.
“PARTIDISMO DO MALO”
O PP lucense acusa ás forzas políticas da oposición de “aproveitar as circunstancias” para facer “partidismo do malo” e reprochan o “indisimulado intento” dalgúns partidos da oposición e sindicatos afíns por “teledirixir as protestas de nais e pais e xerar confusión“. Así, a formación conservadora está “convencida” de que as familias “non se deixarán manipular“.
UN MILLEIRO DE NENOS AFECTADOS
Segundo informa EFE, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, informou de que a “situación anómala” que se viviu en catro centros da provincia de Lugo onde as clases comezaron sen rematar as obras proxectadas neses colexios afecta a case un milleiro de alumnos da capital lucense, Cervo, Foz e A Fonsagrada.
“Onte, na sesión de control ao goberno, a conselleira de Educación dixo que xa non había ningún problema nos centros educativos da provincia de Lugo. Singularmente dixo que os centros de Cervo e de Casás teñen solucionados os problemas”, asegurou Villares.
Con todo, “ao día seguinte” desas manifestacións en sede parlamentaria, “pódese apreciar que iso non é así”, precisou o voceiro de En Marea no transcurso dunha visita ao colexio de Casás, porque se escoitan ruídos” nas aulas, os accesos non están en condicións “de normalidade” e “moitos nenos e nenas non están acomodados nas aulas que lles corresponderían”.
Isto provocou, engadiu, unha “situación anómala” no “arranque do curso” escolar, ata o punto de que “hoxe en Casás só está a metade do alumnado matriculado“.
EN FOZ, “CONFINADOS NA SALA DE PROFESORES”
“Iso mesmo é o que sucede no CEIP número 1 de Foz”, onde “moitos dos alumnos que foron a clase están confinados na sala de profesores e separados por biombos“, con “apenas espazo para poder xogar no patio”, engadiu.
En Cervo, segundo Villares, “na mañá deste xoves ningún alumno pisou o centro, porque as obras así o impiden” e tamén hai problemas no colexio da Fonsagrada.
“En total, están afectados uns mil pícaros da provincia de Lugo. Para nós isto nin é comezar con normalidade nin unha actitude responsable por parte da Administración autonómica, que debería ter previsión, porque sabía perfectamente cando comezaba o curso”, insistiu.
VILLARES LEVARÁ O CONFLITO AO PARLAMENTO
Desde o seu punto de vista, “as obras tiñan que ser planificadas para comezar antes e, no caso de que non se puidesen rematar, en primeiro lugar deberían informar aos pais e á comunidade educativa e, en segundo, ter habilitadas unhas instalacións alternativas”.
Para rematar, dixo que a Consellería non debería “intentar desinformar á xente” como “sucedeu este xoves”. Villares avanzou que En Marea denunciará esta situación no Parlamento “ata atopar unha solución”.