As paisaxes do Souto da Retorta atraeron a atención do grupo de axentes de viaxes rusos que este luns visitaron o Concello de Viveiro.
Os prescriptores turísticos, que percorren distintos lugares de Galicia desde o venres, interesáronse especialmente polos recursos naturais do municipio xa que un dos obxectivos da viaxe organizada é a promoción do turismo de natureza no mercado ruso.
RECEPCIÓN DO CONCELLO
A expedición foi recibida pola concelleira de Turismo, Marisol Rey, e polo Primeiro tenente de alcalde, Jesús Fernández, que os acompañaron nun paseo polo eucaliptal de Chavín, onde poden verse algúns dos exemplares de maior envergadura de toda Europa. Durante a xornada tiveron ocasión tamén de coñecer o casco antigo de Viveiro.
Desde o consistorio, destacan que estas accións son “fundamentais” para potenciar Viveiro fóra de Galicia e relacionan estas estraxias de promoción co “incremento de visitantes rexistrados durante o periodo estival”.
Segundo os datos achegados polo Concello, a oficina de turismo recibiu nos últimos tres meses de verán 32.004 visitantes.