IniciosociedadeOs pais de Cervo piden "unha desculpa ou a demisión" da xefa...

Os pais de Cervo piden “unha desculpa ou a demisión” da xefa territorial de Educación

Tras levar os seus fillos este mércores ao colexio, as familias denuncian carencias no centro e esixen unha rectificación a Mariña Gueimunde "pola súa falta de profesionalidade"

Publicada o

- Advertisement -

As familias do alumnado do Ceip de Cervo, que este mércores levaron maioritariamente aos seus fillos ao colexio por primeira vez neste curso, unha semana despois de que o pasado mércores -na data establecida pola Xunta de Galicia para a apertura do calendario escolar- o centro non amosase as condicións de hixiene e seguridade necesarias para comezar a actividade escolar, pedirán a través dun escrito remitido ao Goberno autonómico “unha desculpa pública ou a demisión” da delegada territorial de Educación, Mariña Gueimunde, pola súa “falta de profesionalidade” á hora de xestionar esta situación.

Segundo precisou a Asociación de Nais e Pais (Anpa), a “gran maioría” dos 128 alumnos matriculados no colexio entrou este mércores á clase, exceptuando aqueles que padecen asma ou algún problema de saúde temporal, sen que se producisen incidencias. “A asistencia foi igual que calquera día normal”, precisa Luz Campo, da Anpa.

As familias, segundo explica o escrito, “tomamos a decisión unánime de incorporar aos nosos fillos e fillas respectando a liberdade de cada familia de non secundar a medida en función das súas propias consideracións e necesidades”, e sabendo que o centro “continúa a ser unha obra activa que non cumpre os requisitos materiais e legais para ser utilizado como colexio de educación infantil e primaria”.

RECLAMAN “RESPONSABLES” DA “FALTA DE PLANIFICACIÓN”

No escrito que se entregará a Educación, e que está pendurado en Change.org, os pais salientan que “o problema xerado” poderíase “ter resolto coa disposición de espazos alternativos” que permitiran iniciar o curso “sen poñer en risco aos nenos” e rematar a obra “cunha maior calidade, pois coas présas vense as fallas no traballo realizado”. Deste xeito, consideran que houbo “unha falta de planificación evidente“, da que “ten que haber un responsable claro” na Consellería de Educación e na Delegación Territorial, ademais de “pola parte da empresa” que executa as obras.

Deste xeito, pola “mala actitude” e “falta de sensibilidade” amosada na xestión do conflito, “mesmo cando 112 pais pediron coa súa sinatura unha solución” para o alumnado ante o retraso das obras, solicitan “unha desculpa pública ou a demisión” da delegada territoral de Educación na provincia de Lugo.

EDUCACIÓN “FORZOU O INICIO” POR “CRITERIOS POLÍTICOS”

Ante a insistencia da Conselleira de Educación, a popular Carmen Pomar, en asegurar que se daban “condicións obxectivas” de hixiene e seguridade para entrar o pasado mércores, responsabilizando aos pais do atraso no inicio do curso malia que as obras –cun prazo de execución de tres meses– foron licitadas en maio e comezaron o pasado 22 de xullo, as familias rexeitan “a teima” do Goberno autonómico en forzar a apertura do centro” e “as mentiras reiteradas, faltas de respecto e presións exercidas contra os pais e nais para obrigarnos a antepoñer criterios exclusivamente de orde política e administrativa á seguridade dos nosos fillos”.

Os pais salientan que “a mellora da limpeza e dos servizos básicos realizados nos últimos días foi favorecida pola ausencia de nenos no centro, o que confirma de xeito incontestable que o centro non estaba apto para a súa ocupación o día de apertura oficial do curso”. Remarcan que a súa unidade á hora de valorar a situación e as solucións a adoptar demostra “o dominio do sentido común fronte ao sen sentido institucional“.

SEN SAÍDA DE EMERXENCIAS NIN RAMPLA DE ACCESO

Por outra banda, sinalan que os nenos entrarán na escola “pola obriga de iniciar o curso sen máis retrasos”, pero sendo conscientes de que “o estado do centro ten moitos aspectos a mellorar“.

Neste sentido, subliñan unha serie de carencias coas que conta o centro a día de hoxe, especialmente no que atinxe “á seguridade e hixiene do edificio”.

Así, demandan que se habilite “unha saída de emerxencia alternativa a única saída operativa que actualmente ten o centro”, para o caso de necesidade de evacuación, dado que as obras “rodean na súa práctica totalidade o exterior do colexio”; tamén, a revisión da nova estrutura de peche instalada no primeiro piso, sobre o patio interior tellado, en substitución da varanda existente, pois “presenta ocos polos que ben podería pasar algún neno”.

As familias solicitan o “desbloqueo urxente” da rampla de acceso ao centro para persoas con mobilidade reducida, “actualmente inoperante debido aos andamios situados fronte á fachada”; a liberación de espazos exteriores, dado que os estudantes de primaria deberán pasar os recreos alomenos durante unhas semanas no pavillón ou nas aulas; ou o acondicionamento da biblioteca, inutilizable por agora.

Os pais tamén piden que se habilite un corredor exterior para os distribuidores e servizo de cociña “que permita cumprir as normativas de sanidade e hixiene alimentaria, ao tempo que podería ser utilizada como saída de evacuación”. Ademais, a limpeza do chan do pavillón anexo á escola; a reposición do equipamento e material escolar destruído durante as obras pola entrada de auga en varias salas; e evitar na medida do posible os ruídos derivados das obras pendentes.

PIDEN “TRANSPARENCIA”

O colectivo pide “trasparencia” pois descoñece “que informe” avala ás familias para que leven aos seus nenos ao colexio “sabendo que as áreas a frecuentar son seguras”, máis alá do compromiso verbal adoptado polos cargos políticos. “Estamos metendo nenos en todos os colexios de Galicia en escolas en obras”, resalta Campo, quen informa de que a xunto coa Federación de Anpas de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo (Fapacel) estase a traballar para reclamar de forma conxunta -coas agrupacións de pais doutros colexios en obras- “outra maneira de facer as cousas, porque é importante para o futuro“.

O BNG PIDE A DEMISIÓN DA CONSELLEIRA

O voceiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no municipio de Cervo, Diego Fernández, mostrou o seu apoio á petición dos pais e solicitou tamén a demisión da conselleira de Educación polo seu “desprezo” á hora de “tratar ás familias”.

O Bloque cervense denuncia que “a estratexia” da Consellería baseouse en “culpabilizar aos pais” e “ao profesorado” en lugar de “informar e procurar solucións. Ningunha persoa con tal carencia de empatía coa comunidade educativa pode ostentar responsabilidade algunha relacionada coa educación”, argumenta.

Os nacionalistas criticaron tamén “o silencio” do alcalde, o popular Alfonso Villares, que “non defendeu” ás familias “pero si se fixo fotos coa comunidade educativa en plena precampaña das eleccións municipais. Non soubo estar á altura“, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...