O Goberno licita por un millón as obras do novo centro da Seguridade Social en Viveiro

A construción do novo inmoble, cun prazo de execución de dez meses, permitirá trasladar e ampliar as actuais oficinas, ubicadas en Celeiro

Presentación do proxecto. AXM

O Goberno central anunciou este mércores en Viveiro que licitou esta semana as obras do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS), ubicado na localidade. O proxecto conta cun orzamento de 993.441 euros e un prazo de execución de dez meses. As empresas poderán presentar ofertas ata o 14 de outubro.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presentou o proxecto acompañada pola alcaldesa, a socialista María Loureiro; o director provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e a directora do CAISS de Viveiro. O novo edificio levantarase nunha parcela situada na avenida de Ramón Canosa, número 6, á caron do edificio de Correos e fronte ao porto.

O solar dotacional onde se levantará o novo edificio ten 1.490 metros cadrados de superficie. O proxecto inclúe a construción dun inmoble exento na parcela, totalmente acristalado e diáfano na zona administrativa, cunha pastilla opaca na parte traseira, na que se ubican os locais técnicos e de servizo. Na parte posterior haberá un aparcamento para once automóbiles, unha praza reservada para discapacitados e área para motocicletas e bicicletas.

O edificio será rectangular, de aproximadamente 33,60 por 14,40 metros e cunha única planta. A superficie construída será de 404 metros cadrados e a útil de 368,30 metros cadrados, dos que 294,30 destinaranse á area administrativa, que incluirá a zona de atención aos cidadáns e de espera, ademais do posto de autoxestión informática a disposición dos cidadáns, vestíbulo e sala de reunións. O espazo restante resérvase para aseos, arquivo, almacén e área técnica.

ANOS DE ESPERA

A licitación remata con anos de espera para trasladar e mellorar as instalacións, ubicadas na planta baixa da casa do mar de Celeiro, no mesmo edificio que ocupa o Instituto Social da Mariña (ISM).

“HUMANIZACIÓN” DA ZONA

A alcaldesa de Viveiro salientou que “é un día para estar contentos” despois de anos de “promesas incumpridas” e “cremos que con este edificio vaise mellorar a calidade e accesibilidade para a veciñanza de Viveiro. Imos humanizar esa zona e mellorala en todos os aspectos, tanto funcionais como estéticos”, concluíu.

MELLOR “ATENCIÓN” E “CONDICIÓNS” PARA O PERSOAL

Pola súa parte, Rodríguez remarcou que o Executivo en funcións “dá o paso definitivo para dotar a Viveiro dunhas modernas instalacións para este servizo público”. A subdelegada do Goberno sostivo que se atenderá “coa maior dignidade e privacidade” aos cidadáns e que o persoal do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) poderá “traballar con mellores condicións”.

Rodríguez confía en que a construción do novo edificio “permitirá liberar espazos que poderán ser utilizados polo ISM e polos servizos sociais da Xunta de Galicia”.

ATENDE A “12.000 MARIÑAOS” AO ANO

Segundo precisou o Executivo central, cada ano 12.000 veciños da Mariña Lucense, en concreto da zona occidental da bisbarra, reciben atención neste centro da Seguridade Social.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here