O Concello de Mondoñedo anunciou a licitación das obras de ampliación do camiño de Fondoso, nos Remedios, cun orzamento que ascende a 70.355 euros.
As obras a executar inclúen o despexe da zona, retirada de postes e sinais, así como a demolición dun muro e dos drenaxes existentes; no proxecto figura a construción destes elementos. A renovación do firme, rematado en aglomerado en quente, así como a instalación de sete puntos de luz do alumeado público, a instalación de 95 metros de barreira de seguridade e o pintado das marcas viais tamén están incluídas no plan das actuacións.
ACORDO CON SETE PROPIETARIOS
A alcaldesa, a popular Elena Candia, explica que a execución das obras “é posible despois de chegar a acordos con sete propietarios de terreos afectados”. Deste xeito, agradece “a boa disposición que mostraron os titulares das parcelas en todo momento”.
Candia lembra que esta obra “viña sendo demandada polos veciños dende anos atrás” e figuraba no programa electoral do Partido Popular de Mondoñedo para as eleccións municipais. A alcaldesa sinala que esta obra ten “especial relevancia” porque afecta a unha zona do municipio que é “economicamente activa”.