IniciosociedadeViveiro pide asumir a xestión do aparcadoiro do peirao vello

Viveiro pide asumir a xestión do aparcadoiro do peirao vello

Portos de Galicia estudará a proposta do Concello para a sinatura dun convenio que permita ao goberno local "solucionar os problemas" de aparcamento e de mantemento na zona

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro anunciou este xoves que, a petición do goberno local, Portos de Galicia estudará a sinatura dun convenio para que a xestión dos usos do aparcadoiro do peirao, aberto logo dunha espera de 26 anos pola derruba duns galpóns sen utilización, sexa municipal.

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, mantivo unha reunión de traballo “moi cordial e frutífera” coa nova presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que se trataron moitos temas polas numerosas infraestruturas e competencias que ten o organismo autonómico en Viveiro.

Respecto do aparcadoiro do peirao vello, Loureiro sinala que a pretensión do executivo municipal é solucionar “os serios problemas que hai para aparcar“, ademais de levar “un mantemento continuo que Portos non pode facer; hai fochancas e a pintura está bastante deteriorada“, precisa.

Sobre os termos do convenio e as opcións baralladas para solucionar os problemas de estacionamento, a rexedora sinala que “non se entrou en detalle“, senón que se puxo sobre a mesa unha solicitude que Portos de Galicia valorará. “O primeiro paso é obter a xestión dos usos, porque agora non podemos intervir”, expuxo.

A DRAGAXE DO PORTO, “A PUNTO”

Dentro das actuacións inminentes, falouse tamén da dragaxe do porto de Celeiro, da canle e do porto deportivo, un proxecto que se atopa na “fase previa ao comezo dos traballos“. A obra está “licitada e adxudicada”, polo que comezará “en breve”, segundo explicou a rexedora.

Falamos tamén dos posibles usos para o Casino de Viveiro e da eliminación dos valos do porto deportivo, continuando coa nosa idea de abrir Viveiro ao mar”, explica a alcaldesa, “ademáis da necesaria actuación na zona da praia de Celeiro, que debe incluír beirarrúas, iluminación e un novo aparcadoiro”.

Tratamos por outra parte a situación do varadoiro e as posibles solucións ante as demandas veciñais, do estado do expediente para o atraque da embarcación turística ‘Catro Vellos Mariñeiros’, da ponte da Misericordia e o espigón de Celeiro, ou da posible demolición da antiga vivenda do gardapeiraos, xa que está moi deteriorada”, engade Loureiro.

CASINO

No relativo ao Casino, un inmoble de 3.500 metros cadrados cun solar de 14.000, sen uso trala disolución da empresa en setembro de 2017, a concesión actual remata a finais de ano.

A directiva renunciara a unha parte do terreo para non pagar canon, unha porción á que aspira o Concello coa intención de “humanizar o espazo, dispoñendo unha zona verde, un sendeiro a rente da ría e pistas deportivas, co obxectivo de integralo en Viveiro, tirando o muro e integrándoo no casco histórico“.

Portos de Galicia, que conta recuperar a titularidade do espazo de Costas do Estado, pide que se lle dea un uso relacionado co mundo marítimo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...