Xabier Díaz explicou este domingo a través dun comunicado as causas polas que decidiu cancelar o seu concerto no Festival Intercéltico das San Lucas. O músico coruñés, cuxa actuación coas Adufeiras de Salitre estaba programada para as 20.15 horas, expuxo que a renuncia veu motivada pola “falta de respecto e profesionalidade” cara o grupo na realización das probas de son para o festival, dado que agardou “unha hora” para facer o seu test -“que habitualmente require de 90 minutos“- sen que “nin o responsable técnico nin o organizador lle dixeran a quen está na mesa de son que ten que deixar probar á banda que non o fixo”.
Díaz entendeu esta situación como un menosprezo ao seu grupo e sinalou que “a música tradicional galega non é menos que ningunha outra. Non estamos para decorar, non somos entrante nin postre de ninguén”, afirmou.
Así, pediu desculpas ás persoas que asistiron ao festival e salientou que se viu na obriga de tomar “unha das decisións máis difíciles que tiven que tomar en 30 anos de carreira“. Con todo, remarcou que a organización “xa sabe da nosa disposición a regresar a Mondoñedo e facer un concerto, só resta poñer data, alí estaremos”.
COMUNICADO COMPLETO
O comunicado do músico, completo aquí:
Quero comezar pedindo desculpas a toda a xente que onte agardaba, entre outros, polo noso concerto en Mondoñedo, moitas delas, familias desprazadas dende localidades lonxanas nun día de meteoroloxía adversa.
“DAS DECISIÓNS MÁIS DIFÍCILES EN 30 ANOS”
Foi unha das decisións máis difíciles que tiven que tomar en case trinta anos de carreira. O disgusto dura hoxe e, como digo, dóeme especialmente polos pícaros e a xente que onte ía coa idea de disfrutar do festival no que tamén participabamos, compartindo cartaz con dúas bandas que teñen todo o meu respecto e admiración.
“EN DÉBEDA COS MINDONIENSES”
Estou en débeda coas mindonienses e visitantes que
onte fixeran o esforzo.
Relato do acontecido;
Coma sempre e coa puntualidade que adoitamos, presentámonos no lugar do concerto media hora antes da nosa proba de son, exáctamente ás 18,00hs.
Despois de varios cambios de horario pola semana o noso concerto fixouse ás 20,15hs.
Horarios de proba.
Gwendal…………………….… 16,30h
Lunasa………………….……… 17,30h
Xabier & Adufeiras …………18,30h
Horarios de Concerto
Xabier Díaz & Adufeiras ……20,15hs
Lúnasa………………………………22,00hs
Gwendal……………………..……..23,40hs
Á miña chegada ao recinto a organización pídeme 15 minutos porque todo vai con retraso, accedo por suposto, vou á casa museo de D.Álvaro Cunqueiro a tomar un café e facer unha visita á mesma.
Pasan 15 e outros 15, chega a responsable da miña banda e o director técnico para pedirme 15 minutos máis (xa van aló 45mints). Son as 19,00hs e o noso concerto é ás 20,15hs. Mentres unha das bandas continúa probando, accedo a adiar 15 minutos máis pero advirto que ás 19,15hs estarei na escaleira do escenario.
Así e todo, só teríamos 20 minutos para limpar a montaxe dos anteriores e montar a nosa, e menos de 30 minutos para chequear son , que neste caso son 28 liñas, algo habitualmente nos leva 90 mints. Por suposto, xa prescindiríamos do tempo necesario para vestirnos e preparanos para o concerto, xa que ao remate da proba, o público estaría na praza e teríamos que empezar a tocar.
“CARRAXE”
Cando subo ao escenario e lle mostro o teléfono ao responsable técnico e ao organizador son as 19:17. Unha banda segue probando e ningún dos dous se atreve a dicirlle á persoa que está na mesa de son que ten que cortar e deixar paso á banda que aínda non probara , malia levar agardando case unha hora. Ante tal falta de respecto e profesionalidade pídolle á miña xente que recolla. Nese primeiro momento pensei neles e sobre todo na carraxe que me producía ver un ataque á dignidade das que facemos música tradicional, as das pandeiretas… xa sabedes.
Non eximo a organización nin o director técnico da súa responsabilidade de esixirlle a devandita persoa que estaba ao mando da mesa de son que cesara a súa proba. Considero que é deles toda a responsabilidade, pero xa que eles non o fixeron eu si lle quero dedicar unhas palabras.
Malia ser o responsable das bandas coas que compartíamos cartaz e o técnico das mesmas, lonxe de vir pedir o favor de modificarmos horarios ou algo similar, recibe o meu técnico de son cun desafortunado “tu eres el técnico del otro grupo?” “prepárate a esperar”.
“SOBRA TESTOSTERONA”
Todas as compañeiras de profesión, equipos, rexedoras de escenario etc … saben do meu escrupuloso respecto polo seu traballo, polo cumprimento dos seus horarios e polo trato que procuro sexa sempre o máis correcto. E ao longo de maís de 40 concertos só neste ano asegúrovos que son moitas as empresas coas que traballamos, moitas.
Nas producións sobra testosterona e falta de respecto polo traballo das mulleres, iso véñoo advertindo dende hai moito tempo, nada distinto que no resto das actividades profesionais en xeral, por desgraza.
“DIGNIDADE”
Remítome aos feitos, a persoa que estaba na mesa de son non respecta as advertencias da miña compañeira e road manager. Por certo, unha persoa bregada neste tipo de producións e organizador e coorganizador de máis dun dos festivais nos que teño participado.
Recordo perfectamente como nesas ocasións e, en aras ao cumprimento dos horarios das probas de son, si esixía o abandono inmediato do palco 2 minutos antes de rematar a proba. Tamén recordo que o facía con pouco respeto e con modos máis propios do asoballamento que da educacións que se lle presupón a alguén cun posto de responsabilidade.
Onte a DIGNIDADE das Adufeiras e do meu equipo era a dignidade do colectivo do que formamos parte. A música tradicional deste país NON é menos que ningunha outra, non estamos para decorar, non somos entrantes nin postres, tomei a decisión por todas, mañá volvería a tomala.
(A asociación organizadora xa sabe da miña/nosa disposición a regresar e facer un concerto, resta poñer data, alí estaremos).