A mostra de teatro feita por persoas con diversidade funcional Super-Arte, que comezou o pasado mércores cun obradoiro de clown para os grupos teatrais de Aspanane e Eu Son, entrou de cheo no seu programa da fin de semana coa presenza do ‘youtuber’ xordo Iván Vázquez, da Familia Vázquez TV, que mantivo un encontro co alumnado do IES María Sarmiento e do Ceip Lois Tobío.
Os estudantes poideron coñecer a través da experiencia do ‘youtuber’, que contou cun intérprete de lingua de signos, as dificultades que se atopa no día a día por ser xordo, pero tamén as maneiras de solventar esas barreiras. Isto supuxo un exemplo para todos e especialmente para aqueles alumnos destes centros que padecen xordeira.
No IES María Sarmiento, Vázquez someteuse a un bo número de preguntas por parte do alumnado, que mostrou interese pola súa experiencia vital e pola inclusión das persoas xordas na sociedade. O propio protagonista sorprendeuse tamén do manexo dos pequenos do Lois Tobío no tocante á linguaxe de signos, xa que mostraron a súa capacidade para comunicarse dun xeito básico (saúdar ou dar grazas) nesta lingua.
A segunda edición de Super-Arte, adicada á xordeira, continúa este venres no Pastor Díaz cun encontro aberto ao público con Vázquez e coa representación dunha obra por parte da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña.
INAUGURACIÓN DUNHA MOSTRA DE ASPANANE O DOMINGO
O programa da fin de semana, que podes consultar completo nesta ligazón, inclúe a primeira obra de teatro en lingua de signos representada en Viveiro e tamén unha exposición que se inaugurará o domingo (12.00 horas, sala multiusos do consistorio) sobre os talleres do centro ocupacional -serigrafía, madeira e cerámica- de Aspanane.