Burela, Alfoz e Foz sumaranse aos actos da campaña En Negro contra as Violencias, que encherá A Mariña de actividades para previr contra o maltrato ás mulleres.
BURELA
O programa do Concello de Burela comezará o propio día 25 co acto institucional no que se dará lectura a un manifesto e no que participarán os centros educativos da localidade, asociacións do municipio e poboación en xeral. Ademais esa xornada procederase á instalación dun stand informativo contra a violencia machista, na praza do consistorio, onde haberá persoal especializado en violencia de xénero que facilitará, durante todo o día, información ás persoas que decidan achegarse ata alí e tamén distribuirá material de sensibilización e prevención.
O mércores 27 de 17.00 a 18.00 horas, no local da Asociación de Amas de Casa, na rúa do Río, 9, desenvolverase ‘Igual a Nós. Actividade de Dinamización‘, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade en colaboración co Concello de Burela e a mencionada agrupación. Estará dirixida a mulleres.
O xoves 28 ás 19.30 horas, no salón de conferencias terá lugar o obradoiro de dinamización lingüística e de sensibilización contra a violencia de xénero dirixido a nais e país, titulado ‘Igual-Son Voces Violetas’ dentro do programa Nós contra a Violencia da Rede de Dinamización Lingüística.
O 1 de decembro, ás 18.30 horas na Casa da Cultura, desenvolverase unha actividade de dinamización lingüística e de sensibilización fronte á violencia de xénero a través da narración de contos tradicionais e de obras de creación contemporánea. Está dirixida a nenos e nenas e leva por título ‘Igual – Son contos do dereito e do revés‘, tamén incluído no programa Nós contra a Violencia.
Ademais durante este mes de novembro, no IES Perdouro, desenrólase a actividade ‘Igual-Son Danza Contemporánea‘ dentro do programa Nós contra a Violencia dirixido ao alumnado de primeiro de Bacharelato.
Por outra banda o Concello iluminará a súa fachada de cor lila, símbolo da loita contra a violencia machista.
FOZ
Os actos contra as violencias organizados polo Concello de Foz serán este domingo, día 24, e o luns 25. A concelleira de Muller e Igualdade, Verónica Peña, sinala que “empezaremos o 24 cunha obra de teatro de marionetas familiar, coa compañía Trécola que representará ‘Xogo revolto‘.
O luns no IES de Foz haberá unha charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual para os alumnos e alumnas de cuarto da ESO. “Tamén este día 25 faremos as oito da tarde diante da Casa do Concello a entrega de camisetas cos logos En negro contra as violencias. E os participantes poderán escribir mensaxes nunhas cartolinas negras que temos preparadas e despois leranse, para que todos poidan oílas, e colgarémolas nunha árbore, para que todo o mundo tamén poida lelas durante varios días, nos que estarán alí expostas. Tamén se lerá unha manifesto institucional para reiterar o compromiso coa loita para a erradicación das violencias”, indica.