O Concello insta á Xunta a crear o terceiro Xulgado de Viveiro cos locais cedidos

Precisa que rematou as xestións para a cesión gratuíta de varios espazos e reclama máis recursos trala denuncia de sobrecarga de traballo por parte dos funcionarios

Sala onde agardan as vítimas de violencia de xénero para denunciar. AXM

O Concello de Viveiro anunciou este venres que rematou “as xestións necesarias” para a cesión gratuíta á Xunta de Galicia de varios locais de titularidade municipal destinados á ampliación dos xulgados e reclamou a creación dun terceiro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución para o partido xudicial viveirense.

O goberno local de Viveiro asegura que “despois dunha longa tramitación, o expediente de cesión está concluído“, e que nestes instres hai aberto a petición do executivo municipal á Dirección Xeral de Xustiza “un prazo de tempo para revisar os fondos bibliográficos que permanecían almacenados neses locais, onde anteriormente se ubicaba a biblioteca municipal“, traballos que “rematarán a vindeira semana“.

Os volumes, segundo precisan os traballadores, contan en moitos casos cun importante valor cultural e económico.

O Nº 1 RECIBE O “215%” DOS CASOS QUE PODE ASUMIR

“Agora toca reclamar a creación dese terceiro xulgado e consideramos que coa posta a disposición destes locais se atenden as demandas dos traballadores, cando indicaban que había pouco espazo”, asegura a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro.

Dende o Concello de Viveiro se apoian as reivindicacións dos traballadores do Xulgado, “que nos foron comunicadas na Mesa Local contra a Violencia de Xénero, tendo en conta que o volume de traballo se incrementou nun 215% segundo as cifras do Consello Xeral do Poder Xudicial”.

A Xunta relativizou a sobrecarga dos Xulgados, pero non desmentiu a cifra presentada polos traballadores.

O Concello de Viveiro tamén requirirá á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza máis persoal para os xulgados.

SALA PARA AS VÍTIMAS DE VIOLENCIA MACHISTA

A petición dos traballadores de máis espazo tentaba, entre outros problemas, solucionar a falta dunha sala especial para atender as mulleres vítimas de violencia de xénero, que tiñan que esperar para declarar nunha sala repleta de arquivos, incómoda e con mobiliario vello.

A finais do pasado mes de maio, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu a sala “nos vindeiros meses”, pero por agora o Xulgado de Instrucción número 2 de Viveiro, o que ostenta as competencias en violencia de xénero, carece deste servizo. Nos últimos días, o Goberno autonómico emitiu un comunicado no que asegurou que se “está a traballar” en habilitar o local, aínda que sen precisar prazos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here