IniciosociedadeA proposta de sumar a Foz ao Partido Xudicial de Mondoñedo enfronta...

A proposta de sumar a Foz ao Partido Xudicial de Mondoñedo enfronta a Cajoto e Loureiro con Candia

Tralo respaldo da alcaldesa de Mondoñedo á proposición, os rexedores focego e viveirense din que a petición "enfronta á Mariña central e occidental" e reclaman "máis persoal" para os Xulgados

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o alcalde de Foz, Fran Cajoto, ambos socialistas, rexeitaron a proposta de incorporar este último municipio ao Partido Xudicial de Mondoñedo, esixindo “máis medios para solucionar o atasco no sector, non parches ou medidas temporais”.

Tanto Loureiro como Cajoto mostráronse en contra da proposición dun grupo de avogados da Mariña Lucense para aliviar a sobrecarga de traballo -do 115%- do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro. Ante a denuncia de funcionarios da Xustiza, que aseguran que a situación do tribunal número 2, coas competencias en violencia de xénero, é “similar”, os letrados propuxeron que Foz se adscriba ao Partido Xudicial mindoniense, que recibe menos causas. Ademais, sinalaron que o municipio focego xa pertence a Mondoñedo no tocante ao Rexistro da Propiedade.

CAJOTO FALA DE “DESLEALDADE INSTITUCIONAL”

Segundo recolleu El Progreso o pasado domingo, a alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, asegurou que se involucrará directamente para facer efectiva a que considera unha idea “perfecta“, “totalmente lóxica” e “beneficiosa para todos os afectados“.

Loureiro e Cajoto amosaron este luns o “malestar” dos Concellos de Viveiro e Foz ao respecto da proposta e do respaldo do goberno local mindoniense, “entendendo que como sé xudicial somos parte interesada de calquera decisión que apoia afectar á mesma”.

A rexedora viveirense considera “un atrevemento” dar a coñecer unha proposta “sen falar previamente coas partes implicadas, sen saber a opinión dos veciños de Foz e sen consultalo previamente cos alcaldes dos concellos afectados, neste caso o focego e Viveiro”.

O rexedor focego lamenta que Candia “falase no nome dos veciños de Foz, saltándose a lealdade institucional. O respecto ao resto dos Concellos debera primar sempre. Non logro comprender como a máis alta dignataria dun goberno local pretende impulsar unha medida nun municipio veciño, ninguneando á veciñanza e aos seus propios compañeiros de partido, que forman parte da oposición”, argumentou Cajoto.

VIVEIRO “TEN ESPAZO” PARA UN TERCEIRO XULGADO

A rexedora viveirense, que días atrás reivindicou un terceiro Xulgado para Viveiro, afirmou que “o exceso de volume de traballo non se soluciona con esta derivación; o problema é de hai anos, non é algo novo e non se entende por que se plantexa agora isto”.

En opinión de Loureiro, “a solución non é quitar e moito menos enfrontar a Mariña Occidental coa Central por algo que, en todo caso, non sería máis que unha medida temporal ou un parche que en ningún caso supón unha solución definitiva”.

“Non permitiremos que esta proposta sirva de excusa para non crear o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Viveiro, por que é evidente que se necesita e por que, ademais, hai espazo para a súa creación”, afirma a alcadesa, que demanda ademais “máis persoal para os xulgados”.

O Concello de Viveiro propuxo e tramitou a cesión de locais de titularidade muncipal existentes no inmoble dos xulgados para poñelos a disposición da Xunta de Galicia e, durante todo este procedemento, “nunca se falou da derivación dun concello ao Xulgado de Mondoñedo como solución á carga de traballo”, expuxo Loureiro, que engade que “o que corresponde non é quitar, senón establecer os medios adecuados que sirven para dar os servizos a toda a veciñanza da Mariña”.

O ALCALDE FOCEGO CRE QUE SE “TRASLADARÍA” O PROBLEMA

Pola súa banda, Cajoto afirma “non pecharse a ningunha solución” e agarda “o contacto” tanto da alcaldesa de Mondoñedo “como dos avogados promotores da idea”, para falar dunha cuestión para a que é preciso “contar coa opinión dos veciños”.

O rexedor focego di “temer”, con todo, que “se hai un aumento dos expedientes e un colapso en Viveiro e Mondoñedo funciona máis ou menos ben, o que podemos conseguir con esta proposta é trasladar o problema“. Así, remarca que “esta falta de funcionarios hai que responder con máis persoal, o que é responsabilidade do Goberno da Xunta de Alberto Núñez Feijóo“.

Respecto da situación xeográfica dos Xulgados, razón esgrimida tanto polos avogados como por Candia para propoñer a modificación, Cajoto sinala que “o termo municipal de Foz, con máis de 10.000 habitantes, máis preto doutros núcleos de poboación como Ribadeo, sería o lugar idóneo para albergar” o tribunal “de referencia na parte oriental da Mariña”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...