IniciosociedadeA Xunta propón aumentar a sección do río en Xunqueira con espazos...

A Xunta propón aumentar a sección do río en Xunqueira con espazos para os vehículos de emerxencias

Augas de Galicia comprómetese a limpar o Fontecova no seu treito alto, o que reclamarán os veciños o sábado nunha manifestación, pero négase a manter o aluz solicitado pola veciñanza

Publicada o

- Advertisement -

A dous días para que se celebre unha manifestación pola limpeza do río Fontecova convocada pola Asociación de Veciños Valdeflores, a Xunta de Galicia mostrou este xoves a súa proposta para a reconstrución de Xunqueira a fin de evitar unha riada como a que asulagou o barrio en novembro do 2018, anegando ducias de vivendas e cobrándose a vida dunha veciña, Amparo Berdeal.

Nunha xuntanza á que asistiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ademais da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e representantes da asociación veciñal de Xunqueira, o Goberno autonómico comprometeu “o seu apoio técnico e económico para levar a cabo unha reconstrución responsable” do núcleo, considerado zona de alto risco de inundacións.

O Executivo galego presentou o resultado do estudo realizado por Augas de Galicia a petición dos veciños, que solicitaron medidas adicionais para incorporar as súas demandas ás tres propostas formuladas nun informe hidrográfico elaborado polo ente hidráulico. Entre as reivindicacións da veciñanza estaban a garantía de paso dos vehículos de emerxencias.

O estudo elaborado por Augas de Galicia parte dunha modelización hidráulica do río Fontecova para predecir o seu comportamento en diferentes escenarios de precipitacións. A Xunta considera “acreditado que se parte dunha situación de risco, debido á forte presión urbanística sobre o río Fontecova na zona e a que o seu leito é moi estreito, ten unha forte pendente e está encauzado e presionado polas edificacións“.

“RECONSTRUCIÓN RESPONSABLE”

Así, considérase “imprescindible” adoptar medidas que permitan aumentar a capacidade hidráulica do río para evitar o seu desbordamento. Entre elas, Augas de Galicia compromete “a recuperación e ampliación da senda na ruta dos Muíños“.

O aumento da capacidade hidráulica do río, argumenta a Consellería de Infraestruturas, “é tamén un condicionante imprescindible para a reconstrución responsable do núcleo de Xunqueira, de forma que se reduza de forma significativa a vulnerabilidade da poboación ante as crecidas”.

As propostas de actuación presentadas “recollen practicamente todas as demandas formuladas polos veciños, habilitando os espazos solicitados para o paso de ambulancia e camión de bombeiros“, remarca o Executivo galego.

Con todo, a Xunta rexeita “o mantemento dun azud porque os técnicos consideran que eleva de forma exponencial os riscos”.

FINANCIAMENTO

As actuacións de recuperación do núcleo de Xunqueira supoñen un investimento estimado de 500.000 euros e, indica a Consellería, “poden cualificarse como de “ordenación urbanística” no treito urbano do río e, polo tanto son competencia municipal”. Deste xeito, Augas de Galicia entende que a decisión última corresponde ao Concello.

No tocante ao financiamento deste medio millón de euros, a Xunta ofrece “cofinanciar os traballos nun terzo do seu custo, en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, e, ademais, a redactar os proxectos técnicos“.

Neste sentido, Vázquez afirmou que a Xunta “conta cunha partida consignada a este fin nos Orzamentos da Xunta para 2020 e trasladou o seu desexo de que que se concrete un compromiso similar por parte do Concello de Viveiro e da Deputación de Lugo”.

LIMPEZA DO TREITO ALTO

Nas últimas semanas, a veciñanza de Xunqueira queixouse pola falta de limpeza no treito alto do río, que motiva a manifestación que celebrará o sábado. Augas de Galicia afirma que realizou tarefas de conservación e limpeza, pero indica tras esta reclamación veciñal que “prevé reforzar este traballo asegurando, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, a retirada da madeira das cortas“. Os obstáculos da parte alta son considerados polos veciños a causa do rebordamento do Fontecova o ano pasado, malia a insistencia da Xunta en atribuír a riada “a chuvias que ocorren cada 500 anos”.

O CONCELLO QUERE COMPARTIR A DECISIÓN SOBRE A OBRA

O Concello insistiu este xoves en que “a escolla da mellor opción para paliar os efectos ante posibles crecidas do río non pode depender unicamente do Concello, pois corresponde a criterios técnicos; facendo constar, así mesmo, que esta administración non ten capacidade para asumir o custo íntegro das actuacións propostas, polo que se fai preciso a colaboración da Xunta e da Deputación”, explica Loureiro.

O executivo local mostrou o seu apoio á manifestación convocada pola veciñanza, “estando ao lado dos veciños para reclamar as obras necesarias de acondicionamento, reparación e limpeza do Río Fontecova e Barrio de Xunqueira, que precisan da implicación e colaboración de todas as administracións“.

Loureiro reivindica que  “o Concello realizou labores de limpeza en diferentes puntos e, dentro das súas posibilidades, tentou restablecer a normalidade”, pero admite que “aínda queda moito por facer“. Deste xeito, convida á veciñanza para “mostrar o sentir veciñal e demandar a reparación e limpeza do río Fontecova e do barrio de Xunqueira”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...