IniciosociedadeOs fogares na Mariña: no 78,68% non hai menores de 16 anos...

Os fogares na Mariña: no 78,68% non hai menores de 16 anos e nun terzo o 100% dos ingresos son as pensións

A enquisa do IGE desvela datos relevantes, como que 5.876 persoas viven soas na bisbarra, cunha idade media de 66,81 anos

Publicada o

- Advertisement -

No 78,68% dos fogares da Mariña Lucense non hai menores de 16 anos. No 24,33%, case un cuarto do total, todos os membros son maiores de 65 anos. Un total de 5.876 persoas viven soas. Son algúns dos datos da enquisa estrutural a fogares do ano 2018 realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), e presentada o pasado venres.

A Enquisa estrutural a fogares (EEF) é unha actividade anual co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas. A nivel galego, a consulta ofreceu algúns datos significativos sobre a inserción laboral e a emancipación, como que o 64,6% dos ‘millenials’ vive cos pais, dos que 23,84% dos maiores -entre 25 e 34 anos- non ten ningún tipo de ingreso. Tamén se constata o avellentamento da poboación; en case o 95% das vivendas habitadas non hai nenos menores de cinco anos.

A nivel comarcal, a estatística do IGE é menos completa, pois só permite consultar algúns datos, en todo caso relevantes para facerse unha idea das características da sociedade da Mariña Lucense. Na bisbarra, a peche do exercicio 2018, contabilizáronse un total de 28.221 fogares; viven neles 2,49 persoas de media, predominando a familia con fillos monoparental (36,10%) e a parella sen fillos (28,54%).

O 20,82% destes 28.221 fogares mariñaos son unipersoais; isto significa que 5.876 persoas viven soas. Na imensa maioría dos casos, non se trata de mozos que accedesen á emancipación, pois a idade media nestas vivendas é de 66,81 anos.

Do avellentamento poboacional fala tamén o número de fogares con algún menor de 16 anos. Na Mariña, o porcentaxe destes casos só supón o 21,32% (é dicir, no 78,68 das vivendas non reside rapazada), o que con todo é o mellor dato de toda a provincia de Lugo. A bisbarra cae por debaixo das cifras de Galicia (77,15% das casas sen pícaros ou adolescentes).

O porcentaxe de fogares con todos os membros maiores de 65 anos sobe ao 24,33%, cando no 2007 supuña o 23,42% dos lugares de residencia mariñaos. De novo, A Mariña supera o global de Galicia (23,78%).

A IMPORTANCIA DAS PRESTACIÓNS SOCIAIS

No tocante aos ingresos, as pensións supoñen o 100% do ingresado nun 32,92% dos fogares da Mariña Lucense. Un informe do IGE pechado no 2016 xa advertía da importancia das prestacións no conxunto da economía de municipios como Ourol e Riotorto, onde supón o 50% do diñeiro entrante. A porcentaxe incrementouse significativamente na última década, pois no 2007 rozaba o 27% (26,92%).

Ademais, no 49,8% dos fogares mariñaos as pensións supoñen máis do 50% dos ingresos. Desde o 2007, o porcentaxe medrou nun 11,07%.

No ano 2018 o ingreso medio mensual dos fogares galegos situouse en 2.196 euros por fogar; na Mariña, nos 2.055 euros. A taxa de risco de pobreza, en cambio, sitúase na bisbarra no 17,69% en 2018, dato que supón un 1,26% menos que en Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...