As posibilidades turísticas da Mariña Lucense brillaron este xoves en varios dos eventos programados dentro da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur). A Mancomunidade e os distintos municipios promocionaron a bisbarra, que segundo datos da Xunta de Galicia acolleu a 156.000 visitantes aloxados entre xaneiro e novembro de 2019, un 12% máis con respecto ao mesmo período do anterior exercicio.
A proposta da Mancomunidade de Municipios da Mariña baseouse no ‘turismo slow’, que prioriza a calidade das experiencias sobre a cantidade das mesmas, que é respectuoso co patrimonio e co medio ambiente. Así, proxectáronse cinco vídeos, relativos aos establecementos que participan desta filosofía, ás xeorutas, ás rutas de artesanía, á ruta da faba e tamén das guías teatralizadas de concellos como Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
No acto interviñeron o presidente da entidade, Alfredo Llano, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o concelleiro de Turismo de Ribadeo, Pablo Vizoso. Tamén tomaron a palabra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
TURISMO SOSTIBLE
“Na miña intervención destaquei que as necesidades de agora contemplan traballar dunha maneira, fluída, repartida e diversa, de acordo aos obxectivos de Nacións Unidas respecto ao medio ambiente. Queremos tamén que se respecte o medio ambiente, que teñamos unha cantidade de turismo que se sinta a gusto e que sexa partícipe do coidado da natureza”, expuxo Llano, que destacou “a cantidade de xente que hai en Fitur. Este ano é espectacular”, concluíu.
Tania Hermida, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, comentou que “durante a presentación tiveron especial protagonismo a figura do anfitrión no xeodestino, clave tamén na filosofía do turismo slow, xa que ademais dos tres representantes que participaron por parte da Mancomunidade, persoas vinculadas ás cinco experiencias puxéronlles voz con pezas de vídeo dun minuto de duración. Deste xeito quixemos resaltar tamén a parte hospitalaria e única na que a xente local contribúe a facer destino”, sinalou. O colectivo de municipios manterá contactos con distintos touroperadores.
O VOLUME DE PERNOITAS NA BISBARRA AUMENTOU UN 8,8%
Entre xaneiro e novembro do pasado ano, a comarca da Mariña incrementou a cifra de viaxeiros aloxados nun 12%, ata alcanzar os 156.000 visitantes, e o volume de pernoitas nun 8,8%. Así o confirmou Balseiro, que gabou en Fitur a traxectoria ascendente do xeodestino.
Balseiro participou na presentación da oferta turística da Mariña lucense que tivo lugar no stand da Xunta na Feira Internacional de Turismo. Neste marco, sinalou que “este é o sétimo ano consecutivo no que se rexistra un aumento da demanda hoteleira na comarca”, o que conleva máximos históricos, contabilizando 318.000 noites nos establecementos hoteleiros no 2019 -excluído decembro- fronte ás 192.000 noites do 2012.
A PROVINCIA, EN REALIDADE AUMENTADA
As bondades turísticas da bisbarra tamén luciron na presentación da Deputación de Lugo, que deu a coñecer dúas novas aplicacións gratuítas para dispositivos móbiles: Inventrip (guía con máis de 2.500 puntos de interese turístico) e Lugo 360º (realidade aumentada), que buscan captar máis visitantes e mellorar a súa experiencia de viaxe na provincia.
“O viaxeiro de hoxe é cada vez máis dixital e organiza o seu tempo libre a través do seu móbil, tablet ou ordenador”, subliñou o presidente do goberno provincial, José Tomé. O acto estivo conducido polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, e contou coa presencia de blogueiros e xornalistas especializados no sector.
VIVEIRO LOCE A SEMANA SANTA E O ‘RESU’
Viveiro acudiu a Fitur a promocionar a súa oferta turística, o seu patrimonio natural e histórico, a Semana Santa e outros eventos xa consolidados como o Resurrection Fest. “O primeiro balance é moi satisfactorio, vemos como chegan os resultados da nosa ambiciosa programación cultural, deportiva e de ocio durante todo o ano, os turoperadores internacionais coñecen e recomendan a nosa vila”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
A alcaldesa participou hoxe, en primeiro lugar, na presentación que realizou a Deputación de Lugo baixo o título ‘Lugo, vén!’. Alí falou na súa intervención “da Romería de Naseiro e a Rapa das Bestas, ambas de Interese Turístico; a Festa da Merluza do Pincho, de Interese Turístico Gallego e emblema da nosa gastronomía; o Mercado Renacentista; a Mostra Folclórica Internacional; o Belén Viveiro ante o Berce; ou a Semana Santa, que mañá (polo venres) presentaremos e que, xunto a Ferrol, é a única de Galicia distinguida como Festa de Interese Turístico Internacional”.
Posteriormente, no stand de Turespaña, estivo tamén na presentación oficial da Rede Europea de Celebracions da Semana Santa e Pascua.
FOZ PULSA O CICLOTURISMO
A delegación do Concello de Foz mantivo reunións con representantes de empresas que realizan actividades de promoción do turismo.
O alcalde, Fran Cajoto, comentou que “tivemos contacto, por exemplo, cunha empresa de cicloturismo asociado ao Camiño de Santiago. Temos aí unha opción, que ten que ser unha das nosas apostas, como é o Camiño do Mar, que pasa pola basílica de San Martiño e polas parroquias da costa. Estamos traballando niso, en intentar traer turismo de calidade e que a hostalería de Foz consiga máis clientes”, expuxo. Tamén houbo encontro con empresas de aplicacións para móbiles e de realidade virtual compartida.
RIBADEO PROMOCIÓNASE COMO PUNTO DE PARTIDA DO CAMIÑO NORTE
Concello de Ribadeo e Acisa manteñen encontros hoxe en Fitur cunha ducia de axencias de viaxes e turoperadores para dar a coñecer os recursos turísticos de Ribadeo. A promoción céntrase no Camiño Norte, no legado indiano e na praia das Catedrais.
Desde Madrid o concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, explicou que “estamos a facer fincapé en Ribadeo como punto de partida do Camiño Norte, xa que hai moita xente que elixe o noso concello para saír desde aquí e facer esta ruta ata Compostela. Queremos crear unha rede de establecementos amigos do Camiño de Santiago de cara a ir preparándonos para o Xacobeo 2021”.
CERVO
TURISMO DE MERGULLO
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou os resultados da participación de Galicia no proxecto europeo polo que se creou a ruta atlántica WAOH! Route, no que a Comunidade galega participa xunto con Reino Unido, Irlanda e Portugal.
Así, creouse a Blue Adventure Box, un cofre de 75 experiencias de ecoturismo costeiro e mariño que Galicia desenvolveu cos seus socios. A intención é achegar ás persoas interesadas o gran potencial do océano atlántico ofrecéndolles oportunidades únicas para experimentar a vida mariña respectando e promovendo o turismo sustentable e respectuoso.
En Galicia son tres os destinos incluídos no cofre, que coinciden cos seleccionados na ruta: a Mariña lucense, a Costa da Morte a Ría de Arousa, que permiten coñecer toda a nosa costa e comprobar todos os seus contrastes. Segundo expuxo Castro, o cofre xa está deseñado e preparado para que se adhiran empresas comercializadoras durante 2020 para poder ofrecer o produto ás persoas en realizar este tipo de turismo.
O resultado da Blue Adventure Box son estas 75 experiencias de ecoturismo que se poden desfrutar ao longo da Ruta WAOH!, desde Portimao, a través de Sesimbra e Cascais, en Portugal, pasando polas costas galegas ata Cornwal, no Reino Unido e Donegal en Irlanda. Trátase de actividades que inclúen desde inmersións en augas abertas para descubrir a rica e abundante vida mariña do Atlántico, ata experiencias de mergullo para todos os niveis, excursións en kayak ou viaxes en barco.