A Mariña fíxose notar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, que reuniu na mañá deste domingo a decenas de miles de persoas en Santiago de Compostela.
Integrantes da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña e do colectivo Por unha Atención Primaria Digna respaldaron a protesta coa súa presenza, así como numerosos alcaldes e concelleiros da bisbarra e membros de todos os partidos políticos da oposición a nivel galego, ademais de representantes das principais organizacións sindicais.
As reivindicacións para A Estrada, Dozón, A Rúa, Costa da Morte, A Mariña (entre elas, “non queremos nacer na Xesta” ou pola recuperación da área sanitaria mariñá) ou Lalín estiveron presentes nos centos de pancartas que portaban os manifestantes. Con todo, o baluarte e “mellor exemplo” da mobilización estivo protagonizado por Verín.
‘Verín non se pecha’ foi un dos lemas máis repetidos e que soou con máis forza na Praza da Quintana. Quico Cadaval, Lucía Aldao e María Lado leron o manifesto no que SOS Sanidade Pública, que reivindica a sanidade como un “dereito universal” que debe estar “garantido”, ser “accesible, eficaz e equitativo” en calquera parte do territorio. Podes ler a crónica no Galicia Confidencial.
O SERGAS TIRA DE CIFRAS ANTE AS CRÍTICAS
O mesmo día da protesta, que amosou o clamor popular polas carencias nos servizos tanto dos centros hospitalarios galegos como dos centros de saúde, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) emitiu un comunicado no que tentou arrefriar as críticas con cifras: así, asegurou que o Hospital Público da Mariña atendeu no 2019 114.00 consultas externas, máis de 23.000 urxencias e 5.500 operacións, “as cifras de actividade máis altas dos últimos anos”.