O Concello de Viveiro anunciou a posta en marcha da súa Mesa de Turismo, unha nova ferramenta “que nace co obxectivo de planificar e coordinar as accións e a oferta turística da vila con todos os axentes implicados no sector”, segundo expuxo o goberno local.
En concreto, o Concello “convida a todas aquelas persoas, empresas ou entidades que teñan interese por colaborar na mellora de Viveiro como destino turístico á primeira xornada de traballo para a posta en marcha da Mesa, que se celebrará na sala de xuntas do consistorio o próximo luns, 17 de febreiro, ás 17.30 horas”.
“Queremos dar resposta a unha petición do sector turístico na que se nos solicitaba a posta en marcha dunha ferramenta de coordinación e planificación na que estiveran presentes o sector privado e o Concello de Viveiro, co obxectivo principal de unificar obxectivos e esforzos de cara aos próximos anos”, asegura a concelleira de Turismo, Marisol Rey.
Despois desta primeira xornada aberta virán “outras moitas sectoriais” nas que se planificará o futuro turístico de Viveiro, “polo que esperamos contar coa presencia de todas aquelas persoas interesadas en seguir mellorando neste ámbito”, engade.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lembra que “o potencial turístico de Viveiro atrae cada vez a máis xente durante todo o ano, é o momento de dar un paso máis para ofrecer unha oferta mellor, máis coordinada co sector privado”.
O PP PIDE EXPLICACIÓNS POLO PECHE TEMPORAL DA OFICINA DE TURISMO
O Partido Popular (PP) de Viveiro pediu explicacións ao executivo municipal porque “non é xustificable, en condicións que no sexan extraordinarias, que un servizo municipal permaneza pechado cando debe de estar operativo. Días pasados chamou poderosamente a atención dos cidadáns un aviso pegado na porta da oficina municipal de turismo de no que se informaba de que permanecería pechada ata o día 10″, critica a formación conservadora.
O grupo municipal popular, que encabeza Óscar Rodríguez, presentará preguntas ao goberno local para que explique distintos aspectos do peche temporal. “A este respecto hai que sinalar que foron numerosos os hostaleiros que fixeron chegar ao PP queixas, en nome propio e dalgúns dos clientes dos seus establecementos”, expuxo o voceiro dos conservadores viveirenses.
Os populares queren que a alcaldesa aclare “a que se debeu o peche temporal da oficina e por que non se fixo a debida planificación e xestión dos recursos humanos para evitar que o servizo estivese inoperativo”, remarcan.